O Valadouro, 30 de setembro de 2024.- Os senadores do PP lucense – José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- visitaron Ferreira do Valadouro para poñerse a disposición do novo alcalde do municipio, José Manuel Lamela, “para o que puidera necesitar dende o Senado”.
Neste primeiro encontro, o rexedor trasladoulles un tema que preocupa a boa parte dos veciños e veciñas, especialmente aos gandeiros e gandeiras: “os ataques do lobo ao animais das súas explotacións”. Este problema – xeneralizado na comarca, a provincia e en toda Galicia- “supón importantes perdas para o sector gandeiro afectado” e xera preocupación entre todos os gandeiros e gandeiras das zonas con abundante presenza da especie.
Á vista de que a pasada semana o Consello da UE acordaba rebaixar o status do lobo de ‘estritamente protexido’ a ‘protexido’, os senadores lucenses dirixiranse formalmente ao Goberno de España para preguntarlle se vai adoptar a mesma medida e permitir o control da especie en zonas onde non está en perigo de extinción como é o caso de Galicia.
Os populares sinalan ao Goberno de Sánchez porque “a decisión final está nas súas mans” xa que “é o Estado o que debe quitalo da Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESPRE)”.
Tendo en conta que España foi -xunto a Irlanda- un dos países que votaba na UE en contra de rebaixar o status do lobo, “non parece que o Goberno do PSOE estea disposto a escoitar as demandas dos gandeiros e de Galicia: rebaixar o seu status para poder garantir o equilibrio entre a súa protección e a actividade gandeira”.
O senador mariñán subliñou que “dende o PP temos claro que estaremos ao lado dos gandeiros da nosa provincia e pedimos ao Goberno de España que actúe”.