Luns, 30 de setembro de 2024. O Grupo Provincial Popular pregunta ao goberno de José Tomé se xa ten rematado o inventario de todos os bens que hai almacenados na nave que a Deputación de Lugo ten no polígono de Carral, en Begonte, xa que “seguramente haxa moitos elementos que se poidan poñer a disposición dos concellos”.
O voceiro popular, Antonio Ameijide, recorda que “pese a que tardamos moitos meses” o pasado mes de xuño “por fin tivemos acceso” e, “nunha primeira ollada vimos como, efectivamente, hai moito material que, no caso de estar en bo estado, pode ser de gran utilidade para moitos dos concellos da provincia”.
Ameijide fai esta reflexión apoiándose en que “a maior parte dos concellos teñen recursos, tanto económicos como de persoal, moi limitados, polo que calquera axuda sempre é benvida”.
Entre o material que se puido comprobar que había na nave de Begonte hai maquinaria de obra e para o coidado e mantemento de zonas verdes, embarcacións de todo tipo como veleiros ou lanchas pneumáticas, material de balizamento, elementos de xogo de parques infantís, material deportivo… “elementos que no caso de estar en bo estado, serían moi útiles para os Concellos”.
De aí a necesidade de coñecer todo o que hai almacenado nesta nave xa que “mentres siga aí tirado seguirá deteriorándose e perdendo valor e utilidade, polo que cómpre saber todo o que hai para poder poñelo a disposición dos concellos que, na realidade, é poñelo ao servizo de todos os lucenses da provincia”.
Antonio Ameijide recorda que os deputados populares “tardamos moitos meses en poder acceder a esta propiedade provincial” e foi tras recorrer á Valedora do Pobo porque José Tomé denegaba a entrada aos populares en edificios públicos. “O peor é que cando entramos constatamos o que x se podía ver desde fóra, que o goberno de PSOE e BNG converteu esta nave nunha especie de vertedoiro”, lamentou.
Neste senso, o voceiro popular lembra que “foi ante a nosa insistencia por coñecer o interior da nave, cando o goberno provincial se preocupou de facer un mínimo mantemento deste espazo e acordou a elaboración dun inventario dos bens que alberga e que lle encargou a Tragsa”, explica o popular, xa que “ata entón a nave estaba abandonada, coa propiedade cuberta pola maleza e ata cun catamarán a medio despezar”.