Foz, 27 de setembro de 2024. O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular de Foz, Javier Castiñeira, pídelle a Cajoto que deixe a súa actitude solitaria e desafiante e se una ao PP e ao BNG para resolver as taxas da Residencia de Maiores. No pleno celebrado onte en Foz demostrouse que o alcalde deambula so na corporación municipal e, especialmente, na terceira adxudicación que pretendía da residencia; quedase so pola súa nula capacidade para escoitar e negociar.
“Cajoto está sendo desafiante cos compañeiros da corporación aos que ameaza con responsabilidades persoais; desafiante cos familiares dos usuarios da residencia aos que non escoita, aos que expulsou do pleno e aos que nunca comprendeu; desafiante coa Xunta de Galicia, unha administración que nos cedeu a residencia totalmente equipada para todos os focenses; e desafiante coa actual empresa que nos peores momentos seguiu adiante e que está facendo un coidado dos nosos maiores, unha empresa á que o Concello lle debe 122.500 euros polo impago das mensualidades desde abril, segundo os documentos que puidemos sacar do expediente”, sinala o voceiro do PP de Foz.
A mala xestión do asunto da residencia por parte do alcalde estalle costando cartos a todos os focenses e coa solución que propuxo o Partido Popular e os familiares dos residentes, probablemente, o Concello aforraría preto da metade dos 30.000 euros que está pagando ao mes por non ter feito ben as cousas.
O BNG debe recapacitar sobre quen ten como socio de goberno
“E ao BNG, por un lado, eloxiámoslle o seu cambio de postura, valente e que os honra , pero, por outro lado, recomendámoslle que analice con que está asociado que os despreza de xeito reiterado”, finaliza Javier Castiñeira.