Sarria, 25 de setembro de 2024. Os concelleiros do PP esixen a Garrido que “exerza como alcalde e defenda os intereses de Sarria”. Neste caso refírense aos servizos ferroviarios na estación de tren de Sarria para a que solicitan, a través dunha moción que defenderán no pleno deste xoves, que o Concello de Sarria se dirixa ao Goberno do Estado para que, sen demora, restableza as frecuencias e trens nocturnos suspendidos durante a pandemia e dote de persoal específico para a atención a viaxeiros e a venda de billetes de forma presencial en taquilla.
A voceira, Carmen José López, lembra que “Garrido presume de boa relación co Goberno do Estado a través do Ministro Puente, pero non reclama servizos para Sarria: a realidade é que nin vemos xestións nin avances co SEPES para a ampliación do polígono nin co Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible para recuperar servizos na estación de Sarria, que é a segunda da provincia en número de pasaxeiros”.
De feito, durante o ano 2023 preto de 85.000 pasaxeiros subiron ou baixaron ao tren na vila, a pesar das innumerables carencias nas conexións e do feito de que Renfe teña eliminado viaxes e frecuencias. “O incremento do número de pasaxeiros nun 69% máis nos últimos seis anos debe levar ao Goberno Central a acceder á reiterada petición de dotar á estación de Sarria de persoal de cara a recuperar a atención persoal e a venda de billetes de forma presencial en taquilla”, subliña a popular.
Estes datos avalan tamén, segundo os populares, “a necesidade de ser esixentes cos servizos ferroviarios para a nosa vila e a nosa provincia” e “poñen de manifesto a necesidade dun maior compromiso por parte do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible”.
Sen embargo, “a realidade é que Sarria ten agora menos servizos ferroviarios que hai 10 anos, ademais o municipio segue sen recuperar as frecuencias e os trens nocturnos que foron suspendidos na etapa da covid-19, a pesar do tempo transcorrido dende entón e de que xa non existen razóns obxectivas para o non restablecemento”.
CORRIXIR O “AGRAVIO COMPARATIVO”
O Partido Popular ven requirindo dende distintas instancias ao Goberno Central que poña fin a este “agravio comparativo” con respecto a outras provincias e comunidades. E o Grupo Municipal Popular de Sarria considera “non só oportuno senón necesario que a Corporación Municipal reivindique unha solución ante unha situación que prexudica ao desenvolvemento e á propia calidade de vida da veciñanza do municipio ao estar privados dunhas comunicacións ferroviarias básicas”.