Viveiro, 24 de setembro de 2024. Os concelleiros do PP instarán ao goberno local bipartito no pleno deste mércores a “completar a actuación do parque Pernas Peón coa recuperación e rehabilitación dos elementos xa existentes”.
Os populares cren que as actuais intervencións que se están a acometer -cunha axuda concedida pola Xunta ao Concello para o embelecemento do litoral galego e financiada con fondos europeos – se deben completar con labores de limpeza e rehabilitación dos muros do edificio e das fontes.
O Grupo Municipal Popular explican que “a zona dos antigos baños e de almacén está bastante descoidada”. Así mesmo, “os graffitis e pintadas cobren o edificio e as fontes -unha inservible e outra que padece o maltrato do paso do tempo sen mantemento- ofrecendo un aspecto pouco digno para este parque” que “se atopa nunha zona bastante concorrida por mozos e mozas ao situarse próximo ao IES María Sarmiento”.
É que, segundo os populares, “o parque Pernas Peón é unha das paraxes naturais máis características e populares do noso concello que linda ao norte coa praia de Covas, paseo marítimo por medio. É un enclave privilexiado ao aire libre apartado da zona residencial e susceptible de novos usos de carácter lúdico, de lecer, deportivo e de esparexemento en comuñón e respecto co medioambiente”.
ANUNCIOS E PROPOSTAS
Os concelleiros do PP afean tamén que “o goberno bipartito PSOE-BNG anunciara hai uns meses a súa intención de intervir o parque dotándoo de espazos deportivos con zona de baloncesto e taboleiros de xadrez pintados nas vellas mesas, pero que aínda non se materializara”.
Pola súa banda, os concelleiros do Grupo Municipal Popular xa pediron, no pasado pleno de agosto, impulsar a rehabilitación do edificio municipal do parque Pernas Peón e o trazado da vía que discorre paralela á praia de Covas. Concretamente, instaban ao equipo de goberno municipal a realizar o mantemento oportuno e as melloras necesarias para adaptar o edificio do parque Pernas Peón e poder sacar a licitación o seu uso máis pronto que tarde.