Lugo, 24 de setembro de 2024.- O PP lucense advirte dos “repentinos cambios de postura” do secretario xeral do PSOE galego, José Ramón Gómez Besteiro, en relación ao proxecto co que Altri pretende xerar postos de traballo na nosa provincia.
A presidenta, Elena Candia, subliña que “a semana pasada o señor Besteiro dicía que Altri non podía contar con fondos públicos porque incumpría parámetros”, pero “onte corrixe ao BNG e di que non se pode evitar que acceda a fondos europeos se cumpren cos requisitos”.
A este respecto, dende o PP lucense subliñan que “isto é o que defendemos sempre dende o Partido Popular: que hai que agardar aos informes dos técnicos e, no caso de que cumpra coa lexislación vixente, hai que apoialo. Posicionarse en contra sen ningún motivo máis que o ideolóxico sería prevaricar, como levamos tempo advertindo”.
“O cambio de postura demostra o escaso criterio e peso político do señor Besteiro e do PSdeG-PSOE”, segundo consideran os populares. De feito, sinalan que “esta corrección en menos dunha semana débese a que o propio presidente do Goberno e líder do seu partido, Pedro Sánchez, o contradixo na reunión mantida o venres co presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda”. De feito, “mantivo a mesma opinión que fai 2 anos con respecto ao proxecto para a biofábrica de Altri, a pesar de que aínda non garantiu os fondos Next Generation comprometidos”. De feito, “animou a presentar o proxecto ás distintas convocatorias de fondos europeos”.
CAMBIO DE OPINIÓN NO PSOE PROVINCIAL
“Estes cambios e correccións non parecen moi serios”, sinalan. E, segundo lembran, “non é a primeira vez que sucede. O PSOE -despois de defender o proxecto nas distintas campañas electorais e amosar o seu apoio no Parlamento de Galicia, igual que o BNG- posicionábase en contra de Altri no pleno provincial de marzo de 2024. Pero, catro meses despois, no pleno de xullo deste mesmo ano rectificaba para volver á senda da legalidade ao asegurar que apoiaría toda iniciativa que cumpra coa lexislación vixente”.