Partido Popular de Lugo

Ameijide: “PSOE e BNG negan un trato igualitario para os lucenses ao votar en contra de repartir 21M€ extra no Plan Deputación e na mellora de estradas”

Martes, 24 de setembro de 2024. Os deputados do Grupo Provincial Popular denuncian “a ditadura” de PSOE e BNG á fronte da Deputación de Lugo tras ver como socialistas e nacionalistas se negaron a apoiar unha iniciativa para repartir case 22M€ entre as dúas principais competencias da Deputación: a colaboración cos concellos e o mantemento da rede de estradas provincial.

O voceiro popular, Antonio Ameijide, denuncia que José Tomé e os deputados socialistas e nacionalistas “impuxeron unha política de amiguetes” á fronte da Deputación de Lugo que ten como resultado “que sempre se beneficia aos mesmos concellos, aqueles gobernados por alcaldes do PSOE e do BNG”. “Esta forma de facer política ten un resultado nefasto, indo en contra da igualdade que dende o PP sempre defendemos xa que sempre se discrimina á metade de lucenses da provincia, sempre á mesma metade de lucenses”, lamentou.

Os deputados populares defenderon unha iniciativa para pedir que o goberno provincial destine os 21.756.212,86€ procedentes da liquidación definitiva da participación das entidades locais nos tributos do Estado do ano 2022 á mellora e ao mantemento da rede viaria provincial e ao incremento dos fondos destinados ao Plan Deputación a través dunha liña adicional de cooperación cos Concellos.

Ameijide sinalou que destinar eses fondos a esas dúas liñas de actuación “é a mellor opción” xa que suporía dobrar o orzamento para o mantemento de estradas provinciais, “unha necesidade prioritaria en toda a provincia”, e o Plan Deputación “é o mellor medio que temos na actualidade para repartir fondos entre os 67 concellos da provincia en base a criterios de igualdade e xustiza, en lugar do camiño tomado por PSOE e BNG de dar convenios a dedo aos seus alcaldes afíns”.

RECLAMAR SERVIZOS FERROVIARIOS

Os populares acadaron a aprobación (12 votos a favor do PP, 10 en contra do PSOE e 2 abstencións do BNG) dunha moción para reclamar ao Goberno de España servizos ferroviarios de calidade para a provincia de Lugo, algo ao que “de xeito incrible se negaron tanto PSOE como BNG”.

A realidade é que, pese a aprobación desta iniciativa, tanto socialistas como nacionalistas dende o goberno da Deputación de Lugo “están a amparar” as decisións do Goberno de Pedro Sánchez que provocan que “Lugo sexa a provincia máis illada de España” e que, entre outras deficiencias en materia de comunicacións “os lucenses vexamos como as obras de electrificación da vía na zona sur da provincia seguen acumulando atrasos e sen visos de rematar”. “Se de verdade quixesen a igualdade de servizos para todos os lucenses votarían a favor desta iniciativa sen dubidar”, reflexionou.

O primeiro prazo de finalización era o último trimestre de 2023, logo en abril de 2024 e o último prazo foi o 30 de setembro deste ano “pero os traballos restantes aínda durarán varios meses máis”.

Decisións do Goberno do Estado, amparadas por socialistas e nacionalistas en Lugo, que provocan que a provincia de Lugo sexa a única de Galicia e da contorna sen alta velocidade, así como que non se recuperaron as frecuencias de tren suprimidas durante a pandemia nin tampouco se remataron as obras de supresión dos pasos a nivel, detidas dende hai meses.

Co seu voto en contra, José Tomé, PSOE e BNG tamén se negaron a que os lucenses teñamos as mesmas condicións nas que se presta o servizo do FEVE tendo como principal desigualdade que este servizo é gratuíto para todos os usuarios de Asturias e Cantabria, mentres que os galegos temos que seguir pagando por este servizo.