Venres, 20 de setembro de 2024. Os deputados do Grupo Provincial do Partido Popular, xunto a alcaldes e voceiros da zona sur da provincia e a deputada no Parlamento, Raquel Arias, presentaron esta mañá a moción que defenderán no pleno do próximo martes para reclamar ao Goberno de España servizos ferroviarios de calidade para a provincia de Lugo.
O voceiro popular, Antonio Ameijide, sinalou esta mañá, na estación de Santo Estevo en Ferreira de Pantón, que na moción que se defenderá pedirase a unanimidade do pleno para que o Goberno do Estado “cumpra dunha vez con Lugo” algo para o que é necesario, entre outras cuestións, o restablecemento e o reforzo dos servizos que posibilitan a mobilidade dos galegos, tanto no interior coma co resto de España, en particular, recuperando as frecuencias suprimidas pola pandemia e adoptando as medidas necesarias para que a oferta dispoñible en conexións e horarios responda ás necesidades reais de cidadanía.
As obras de electrificación da vía que se están a realizar na vía entre Monforte e Ourense os atrasos acumúlanse “sen que ninguén pida desculpas por tantas mentiras”. O primeiro prazo dado foi o último trimestre de 2023; o segundo abril de 2024 e, o último, este mes de setembro. “Xa está ben de mentiras, os lucenses queremos feitos e infraestruturas”, sinalou.
Do mesmo xeito “é fundamental realizar os investimentos necesarios nas infraestruturas ferroviarias para garantir un servizo moderno e de calidade nas instalacións e nos trens” de xeito que “se garanta que a provincia e a cidade de Lugo accedan en igualdade co resto do territorio á Alta Velocidade e á intermodalidade”, algo para o que é imprescindible a execución das variantes ferroviarias dos Peares-Canaval e Rubián.
Cómpre tamén garantir a seguridade, algo para o que é mester a supresión de todos os pasos a nivel comprometidos, desbloqueando as obras paralizadas nalgúns deles, e a construción de accesos alternativos que favorezan a comunicación entre as marxes das vías de forma segura, así como impulsar a liña de ancho métrico (FEVE) entre Ribadeo e Ferrol mellorando a calidade do servizo, a modernización do material rodante e a gratuidade do servizo, como sucede en Asturias e Cantabria.
Tamén é fundamental dar cumprimento aos compromisos adquiridos na xuntanza celebrada en xuño sobre a designación dun interlocutor para requirir información e explicacións sobre as constantes incidencias que se rexistran no transporte ferroviario en Galicia, a remisión do Plan director do Corredor Atlántico e a creación do grupo de traballo técnico entre Xunta e Goberno central para avanzar nos proxectos previstos e analizar as necesidades detectadas.
Antonio Ameijide recorda que “Lugo é a única provincia e a única capital de provincia que queda sen acceso á Alta Velocidade ferroviaria entre as provincias do noso redor” porque o actual trazado da liña entre Lugo e Ourense non permite alcanzar nin alta velocidade nin velocidade alta.
As actuais obras de modernización e electrificación (que arrastran atrasos e mantén pechada a liña entre Ourense e Monforte dende novembro do 2022) non supoñen melloras no trazado, “sen esquecer que o Goberno de Pedro Sánchez, co apoio necesario do BNG, gardou nun caixón os proxectos para construír as variantes que deixou preparadas e presupostadas o anterior Goberno do Partido Popular nos Peares-Canabal e Rubián e que si permitirían reducir o tempo da viaxe entre Lugo e Ourense”.