Trabada, 18 de setembro de 2024. O voceiro do PP de Trabada, José María Fernández, explica que a Valedora do Pobo “remitiunos” unha carta aos concelleiros populares para informarnos de que reiterou a solicitude de información ao Concello de Trabada xa que aínda non remitiu a documentación solicitada.
José María Fernández recorda que en marzo deste ano presentamos un escrito pedindo o amparo da Valedora do Pobo ante as reiteradas faltas de transparencia que se producen dende o goberno local de Trabada. “No seu momento vímonos na obriga de realizar esta petición de amparo ante a Valedora do Pobo ante as reiteradas ausencias de resposta ás peticións de acceso ao sistema de información Gestiona e a falta de resposta do goberno local indica que algo teñen que agochar”, sinalou.
Para José María Fernández esta forma de actuar do alcalde e o seu equipo de goberno “é perpetuar as mesmas malas praxes do pasado”, ao que engadiu que “queda claro que Trabada precisa aire novo á fronte do goberno local para deixar atrás as políticas ocultistas e carentes de transparencia”.
O voceiro popular de Trabada insiste en que dende o inicio do mandato “veño reiterando, sen éxito, a solicitude de información e documentación do ámbito político local do Concello de Trabada para poder desenvolver a nosa función constitucional de oposición democrática en dita administración, unha actitude grave do ente local, xa que non se toma ningunha medida nin xestión para aportar a notificación e información de toda a actividade municipal nin documentación concretamente solicitada a este grupo municipal para o exercicio da súa función e para o cumprimento do mandato legal de Transparencia, Información Pública e bo goberno, de forma electrónica e a través do Programe Gestiona”.