Partido Popular de Lugo

O PP esixe ao alcalde de Pol que cumpra coas súas obrigas legais e restitúa o servizo de apertura e peche do colexio

“É imposible entender a última saída de ton do alcalde”. Así se expresa a voceira popular en Pol, Nicole Grueira, tras coñecer que o rexedor decidiu que o Concello deixe de asumir unha competencia propia, como é abrir e pechar o colexio municipal.

Nicole Grueira constata que o malestar entre o colectivo educativo e os pais e nais dos rapaces “é importante” sobre todo tras coñecer a decisión do alcalde “de retirar este servizo do Concello para abrir e pechar as portas do mesmo nas entradas e saídas” polo que dende o día de comezo do curso, o 11 de setembro, ningún traballador do Concello realiza esa labor.

Ante esta situación, dende o Grupo Municipal Popular de Pol esixen ao alcalde que cumpra coas súas obrigas legais e dea ao centro escolar e, por conseguinte, a todo o alumnado, as súas familias e corpo educativo un servizo que necesitan e que ten que prestar o Concello de Pol.

O certo é que Lino Rodríguez está a desatender “servizos básicos” do Concello como eliminar a apertura e peche do colexio, o mantemento e desbroce de camiños e pistas municipais chegando ao punto de que o pavillón municipal está sen acabar de arranxar “levando case un ano en obras, uns traballos que actualmente están parados”.