A Valedora do Pobo remitiu unha carta aos deputados do Grupo Provincial Popular na que informa que o 6 de setembro deste mes vén de reclamar á Deputación de Lugo o informe complementario urxente solicitado o pasado 31 de xullo, en relación á reclamación presentada polos populares sobre o veto de José Tomé de acceder aos edificios de titularidade provincial.
No seu escrito, a Valedora do Pobo recorda á Deputación “a obriga de enviar os informes requiridos (art. 22 da Lei 6/84, do Valedor do Pobo) e de prestar o auxilio e colaboración que lle sexan demandados por esta institución nas súas investigacións e actuacións”.
Ante esta situación, o voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explica que “vemos como a falta de transparencia, a falta de colaboración institucional e o autoritarismo” seguen a ser “as sinais de identidade” do goberno de José Tomé á fronte da Deputación de Lugo.
Un dos exemplos que destacan os populares de veto de entrada a edificios da Deputación é a residencia de Becerreá, á que se solicitou acceso o pasado 19 de xullo “e aínda non obtivemos resposta algunha”.
Recorda o voceiro popular que, segundo se establece no artigo 22 citado pola Valedora do Pobo:
- Admitida a trámite unha queixa, o Valedor do Pobo promoverá a oportuna investigación sumaria e informal. En todo caso, informará o organismo ou a dependencia administrativa do contido substancial da solicitude, reunindo cantos datos coide pertinentes, que terán que serlle remitidos no prazo de quince días, a non ser que a complexidade do asunto aconselle, ao seu criterio, prorrogar o prazo por un mes.
- A negativa ou neglixencia de calquera organismo, funcionario ou dos seus superiores responsables ó envío dos informes solicitados poderá ser considerada polo Valedor do Pobo de Galicia como hostil e entorpecedora das súas funcións, facéndoa pública de inmediato e destacando tal cualificación no seu informe anual ou especial, se é o caso, ó Parlamento. Tamén poñerá os ditos feitos en xerárquico, informando sobre o seu comportamento por se fose susceptible de corrección disciplinaria.
Unha situación ante a que Ameijide afirma: “non hai dúbidas de que José Tomé ten algo que agochar, do contrario non tería ningún problema en facilitar toda a información que lle solicita a Valedora do Pobo ademais de facilitar o acceso ás instalacións provinciais aos deputados populares”.
PETICIÓN DE AMPARO ANTE A VALEDORA DO POBO
Dende o Grupo Provincial Popular rexistrouse en outubro do ano pasado un escrito pedindo o amparo da Valedora do Pobo para facer valer os dereitos dos deputados populares debido ao veto por parte do goberno provincial e do seu presidente, José Tomé, para que os deputados populares puidesen acceder a dependencias de titularidade da institución provincial.
Unha reclamación que a Valedora do Pobo admitiu a trámite por entender que reúne os requisitos formais recollidos no artigo 18 da Lei da Valedora do Pobo, e que atopa, en principio, cobertura constitucional derivada do artigo 23 da Constitución, polo que iniciou as actuacións ante a Deputación de Lugo requiríndolle información sobre o motivo a queixa.
O 15 de marzo deste ano a Valedora do Pobo emitiu a súa resolución sobre a petición formulada e “foi clara e rotunda” ao indicar a José Tomé:
- “Que se garanta a libre entrada das persoas deputadas provinciais ás dependencias da Deputación de atención directa á cidadanía; e que nas dependencias nas que se desenvolvan tarefas propias da Deputación, pero sen atención directa á cidadanía, se estableza un réxime de acceso cunha sinxela comunicación previa dada no prazo que se indique, de tal forma que o ente provincial poda establecer as garantías organizativas necesarias para o desenvolvemento da visita”.
“Non precisamos ningún tipo de permiso nin comunicación previa para acceder a edificios da Deputación de atención ao público”, sinalou.
A pesar desta resolución, José Tomé segue a “entorpecer” a actuación de fiscalización e control dos populares xa que “segue na súa liña de aprendiz de ditador” ao non acatar a resolución da Valedora do Pobo e manter a súa liña de petición de acceso directamente ao presidente e agardar a que teña a ben asignar data e hora para os accesos”.