Partido Popular de Lugo

O PP de Lourenzá recrimina o “desinterese” do goberno local pola Festa da Faba: “a pouco máis de 15 días da súa celebración habitual non sabemos aínda se se vai celebrar”

Lourenzá, 16 de setembro de 2024. O grupo do PP de Lourenzá quere expresar a súa profunda preocupación e crítica ao goberno municipal ante a “falta de organización e promoción da Festa da Faba, unha celebración de Interese Turístico Galego que ten un gran significado para todos os laurentinos”. Así, instan ao goberno municipal a “promocionar a festa en tempo e forma para animar a participación do público”.

“A faba, a nosa xoia por excelencia, é homenaxeada cada ano a primeiros de outubro, e este ano, a pouco máis de 15 días da súa celebración, a situación é alarmante” porque, “a día de hoxe, ninguén sabe se a festa se vai celebrar, nin cando, nin de que maneira».

Os veciños e hostaleiros da vila trasládannos a súa preocupación porque “para moitas familias a faba é a súa única fonte de ingresos” e, ademais, “a festa supón un papel fundamental para a restauración e os comercios do pobo. A Festa da Faba non só representa a nosa cultura, senón que tamén é un motor económico para a restauración e os comercios da vila”, subliñan.


“É lamentable observar o desinterese e a desmotivación por parte dos nosos gobernantes, xa que a estas alturas a festa debería estar máis que anunciada en todos os medios e recibir a publicidade que merece. Esta celebración non só é importante para a nosa cultura, senón que tamén atrae a miles de visitantes de toda Galicia que se desprazan a Lourenzá a degustar e mercar este produto estrela”.

Dende o PP de Lourenzá consideramos que “é fundamental que a rexedora atenda a exercer as funcións que realmente son de interese para o seu pobo, tal como se comprometeu cos veciños”, conclúen.