Lugo, 15 de setembro de 2024.- Os deputados no Congreso pola provincia de Lugo (Francisco Conde, Jaime De Olano e Cristina Abades), xunto á portavoz de Interior do Grupo Popular, Ana Belén Vázquez, rexistraron unha Proposición non de Lei na Cámara instando ao Goberno a recoñecer o labor da Garda Civil e a manter a súa presenza en todos os cuarteis da provincia, incluso aumentando o número de axentes de servizo.
Os catro parlamentarios destacan na exposición de motivos da iniciativa como os membros da Benemérita levan desde a súa fundación protexendo os nosos camiños e estradas, pobos e cidades, permitindo, en fin, que os cidadáns podamos exercer os nosos dereitos e liberdades con paz e seguridade.
Engaden que o Goberno debe apoiar a súa permanencia en todos os pobos e rexións de España e especialmente na España rural, pois o seu coñecemento do terreo e da sociedade da que forman parte, é o mellor expoñente para garantir a seguridade nestas zonas despobladas.
Pola contra, denuncian que o Executivo de Sánchez está a proceder a un desmantelamento da seguridade nas zonas rurais, que afecta especialmente á provincia de Lugo, cando ademais, segundo cifras oficiais, sufriu en paralelo un incremento da criminalidade (infraccións penais) no primeiro semestre do 2024 próximo ao 38% (37,73%) con respecto ao primeiro semestre de 2018, ano da chegada de Pedro Sánchez ao Goberno.
O Executivo prevé, ademáis, a través da Orden General 25/2023 do 28 de decembro, sobre as Compañías e Postos territoriais da Garda Civil o peche de varios postos auxiliares, algúns de maneira inminente como os de Sober e O Incio.
Por todo iso, rexistraron dita Proposición cos seguintes puntos:
1- O Congreso insta o Goberno a apoiar e recoñecer o labor que realiza a Garda Civil, comprometéndose a manter a súa presenza en todos os Cuarteis da Garda Civil na provincia de Lugo, dotándoa de máis medios persoais e materiais.
2- Colaborar cos Concellos da provincia de Lugo no mantemento da seguridade cidadá.
3- Proceder á atención presencial dos lucenses nos cuarteis da provincia de Lugo as 24 horas do día.
4- Non proceder ao peche de ningún posto na provincia de Lugo.
5- Reforzar de maneira urxente os Postos da Garda Civil en todas aquelas zonas que carecen de Policía Local.
6- Ocupar as prazas totais que aparecen no catálogo de postos de traballo para a provincia de Lugo e que están libres na actualidade.
7- Elaborar un plan de incentivo profesional e económico para que os axentes queiran ocupar os postos de baixa demanda do medio rural.
8- Utilizar urxentemente as vacantes do persoal en reserva sen destino, para dotar de máis axentes á provincia de Lugo.