Lugo, 14 de setembro de 2024. Os deputados do PP lucense no Congreso – Francisco Conde, Jaime De Olano e Cristina Abades- comparten a reprobación ao Ministro de Transportes y Movilidad Sostenible, Óscar Puente, aprobada esta semana no Parlamento de Galicia á vista dos “numerosos e continuos incumprimentos con Galicia e, particularmente, coa provincia de Lugo en materia de infraestruturas e comunicacións”.
Os deputados nacionais do PP por Lugo fixeron balance de tódalas actuacións que realizaron dende o Congreso no último ano en defensa das infraestruturas na provincia á vista do “moi negativo” balance das actuacións desenvolvidas polo Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible en Lugo.
Así, remarcan que “o Goberno de Sánchez está a lastrar o desenvolvemento da nosa provincia ao negar unhas vías de comunicación viarias e ferroviarias propias do século XXI que favorezan a conectividade e o transporte”, sinalaron. “E todo isto co beneplácito dos socialistas lucenses e a complicidade dos seus socios, o BNG”.
Nos últimos meses, os deputados reivindicaron dende o Congreso a chegada do AVE a Lugo, denunciaron os atrasos nas obras de mellora da vía do tren Ourense-Monforte-Lugo que leva aparelladas tardanzas nas conexións do transporte por ferrocarril; ademais dos que que acumula tamén a reconstrución dos viadutos do Castro na A-6 ou da autovía Lugo-Santiago, a A-54. En materia de infraestruturas viarias de titularidade estatal, tamén afean “a falta de mantemento nas principais autovías” ou de estradas coma a N-634 ou a N-120. Os populares tamén fixeron fincapé na “falta de avances e concrecións para que a A-74 e a A-76 sexan unha realidade que permita comunicar por autovía A Mariña occidental e conectar Ponferrada con Ourense pasando por Monforte de Lemos”.
Os representantes do Partido Popular na Cámara Baixa aseguran que “seguiremos traballando para que o Goberno concrete todas as actuacións pendentes”. Nese sentido, apelan “á responsabilidade” dos socialistas lucenses e galegos para que esixan o mesmo ao Executivo: partidas suficientes nos próximos Presupostos Xerais do Estado que permitan facer realidade as infraestruturas que demanda e merece a nosa provincia”.
Francisco Conde cre que “nos vindeiros Presupostos Xerais do Estado os socialistas teñen a oportunidade de demostrar se realmente a provincia está por riba de Pedro Sánchez ou se, pola contra, seguen priorizando os intereses de Ferraz que, dende logo, non son os de Galicia e, moito menos, os dos lucenses”.
CESE DO PRESIDENTE DE ADIF
“O cese do presidente de ADIF tan só 10 meses despois do seu nomeamento é unha mostra máis do caos e a falta de planificación que rodea á xestión do Ministro de Transportes”, concluíu Conde.