Partido Popular de Lugo

O PP pedirá a unanimidade do pleno para que o Goberno de Sánchez suprima os novos impostos que gravan o tratamento de residuos e así Sogama non aplique a suba prevista para 2025

Monforte, 11 de setembro de 2024. Os concelleiros do Grupo Municipal Popular de Monforte defenderán no pleno deste mes unha moción para esixir ao Goberno do Estado que dea marcha atrás e suprima todos os impostos que gravan a actividade do tratamento de residuos e que recupere a retribución ao investimento da planta termoeléctrica de Sogama, ao que tiña dereito ato o final da súa vida útil (2026).

Ademais, unha vez que o Goberno central atenda estas peticións, debe pedirse a Sogama que se comprometa a non aplicar a suba prevista para 2025.

A voceira popular, Katy Varela, explica que a través dunha orde ministerial, publicada a mediados de 2023, o Goberno central suprimiu a retribución ao investimento da planta termoeléctrica de Sogama, comprometida ata o ano 2026, momento no que finalizaría a súa vida útil, e diminuíu a retribución á explotación da planta de coxeración, ademais de recuperar o imposto eléctrico do 7%.

Unha medida aplicada polo Goberno de Pedro Sánchez, pese a que dende o propio Estado e o propio partido socialista escúdanse no argumento de que a aplicación dos impostos ao vertido e á incineración obedece á transposición dunha Directiva europea, pero “a realidade é que a práctica totalidade dos países europeos non instauraron estes tributos”.

Ante esta situación, a Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) procedeu a actualizar o canon de 2024 tralas medidas aplicadas polo Estado no marco da Lei 7/2022, de 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, como, por exemplo, os impostos ao vertido e á incineración. Uns tributos que representaron o pasado ano unha contía de 9,1 millóns de euros que a empresa pública soportou cos seus propios recursos, apoiando aos concellos para non gravar as arcas municipais.

De cara ao ano 2025 anunciouse que Sogama prevé establecer unha nova actualización do canon, dada a intención do Estado de dar continuidade a estas medidas.