Partido Popular de Lugo

O PP denuncia que pola inacción de PSOE e BNG máis da metade das estradas provinciais están sen desbrozar xa rematado o verán

Mércores, 11 de setembro de 2024. A nula preocupación de PSOE e BNG dende o goberno provincial polo mantemento das estradas da súa titularidade volve a quedar de manifesto xa que, xa rematado o verán, aínda están sen limpar de vexetación as marxes de máis da metade das vías provinciais” cando “estes traballos terían que estar rematados ao comezo da campaña de verán”.

Dende o Grupo Provincial Popular sinalan que son moitos os concellos nos que aínda se están iniciando estes traballos e hai outros nos que aínda nada se fixo. “Vemos como unha vez máis ponse en evidencia a deficiente xestión do goberno provincial de PSOE e BNG que, ademais, pon en risco a todos os usuarios destas estradas xa que a maleza invade a estrada e diminúe o espazo para que os vehículos poidan circular”, explicaron.

“Unha desatención” que provoca que “se transmita a todo aquel que nos visita unha imaxe moi mala, de total abandono da provincia” mentres a PSOE e BNG “semella non importarlles esta situación”.

A realidade é que hai numerosos municipios na provincia nos que a maleza invade as cunetas e chega á calzada das estradas provinciais, dificultando a visibilidade e poñendo en risco aos usuarios, especialmente naqueles puntos nos que hai un maior volume de tráfico.

Unha situación que repercute negativamente na imaxe que se dá da provincia de Lugo. “Mentres outras administracións, como pode ser a Xunta e os propios concellos, e, incluso, os particulares e o sector privado se esforzan por traballar na mesma dirección para lograr unha boa imaxe da provincia e ofrecer servizos para consolidar o sector turístico, o goberno de PSOE e BNG non está a axudar en nada”, explican.

Ademais, insisten en que non se está a realizar o correcto mantemento destas estradas xa que as fochancas tamén son protagonistas ao longo de moitos quilómetros, así como a ausencia de elementos de seguridade, como pode ser a necesidade de colocar varandas de protección en puntos críticos como na LU-P-2804 en A Cazolga, en Lourenzá, ou na LU-P-5303 na aldea de San Lourenzo, en Ribas de Sil, zonas problemáticas xa advertidas polos propios veciños “aos que o goberno provincial se nega a escoitar”.