Partido Popular de Lugo

O PP plantexa a construción de centros de acollida de animais provinciais e recorda a PSOE e BNG a súa obriga legal de colaborar cos concellos

Martes, 10 de setembro de 2024. Dende que o 29 de setembro de 2023 entrou en vigor a Lei 7/2023, do 28 de marzo, de protección dos dereitos e o benestar dos animais, tanto os concellos como as deputacións teñen unha clara competencia en canto ao benestar animal, sobre todo con aqueles animais abandonados.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, analizou, xunto aos concelleiros do PP en Monforte, Katy Varela e José Luis Rodríguez, o que supón esta competencia para os concellos, por ser as administracións máis pequenas e con menos recursos, tanto económicos como de persoal e técnicos.

A primeira conclusión que extraen da súa análise é que practicamente en todos os casos “estas competencias son inasumibles para pequenas poboacións xa que non teñen nin medios técnicos nin económicos suficientes”.

Unha situación ante a que hai unha realidade clara: “o goberno provincial de PSOE e BNG non colaborou con ningún concello da provincia neste eido, nin sequera alí onde goberna o presidente provincial, en Monforte”.

A realidade é que dende o Partido Popular levamos anos propoñendo que a Deputación se implique neste eido porque esta lei a obriga “polo que propoñemos a creación de centros de acollida en toda a provincia, polo menos un centro para a zona norte, outro para o centro e outro no sur”.

Antonio Ameijide ve necesario que a Deputación de Lugo leve a cabo as actuacións precisas para colaborar cos concellos da provincia, ben sexa a través de convenios necesarios, a devandita construción das instalacións precisas ou outras medidas que se consideren necesarias, para poder cumprir coas obrigas establecidas nesta lei.

Pola súa banda, a voceira popular en Monforte, Katy Varela, afirma que non se entende que “esta lei poña tantas responsabilidades aos municipios, cando moitos deles non teñen capacidade par asumilas” polo que o máis normal é que “a Deputación dea esa axuda por dous motivos. Primeiro, porque é unha das súas funcións a colaboración cos concellos da provincia e, en segundo lugar, porque a lei da capacidade ao ente provincial a actuar e é o que ten que facer”.

Katy Varela explica que algunhas das competencias que teñen que asumir agora os concellos son a dotación dunha instalación temporal municipal para albergar aos animais extraviados e abandonados ata a súa recollida polo servizo correspondente; un servizo de urxencia para a recollida e atención veterinaria destes animais, dispoñibles as vinte e catro horas do día ou o coidado dos animais desamparados ou o control de colonias felinas coa identificación mediante microchip. “Está claro que para os concellos da provincia de Lugo é case imposible cumprir con estas premisas”, lamentou.

Por iso mesmo, Antonio Ameijide pide tanto a PSOE como BNG “que recapaciten” xa que “levamos esta proposta ao pleno da Deputación e ambas formacións rexeitaron prestar a súa colaboración aos concellos”.

Neste senso, dende o Grupo Popular marcan o camiño a seguir ao goberno provincial recordando o feito pola Deputación de Pontevedra e a Deputación de Ourense.

  • A Deputación de Ourense conta dende hai máis de 10 anos cunha Rede Provincial de Centros de Recollida de Animais Abandonados, con centros de acollida en Xinzo de Limia, O Carballiño, Muíños e A Rúa e presta este servizo a máis de 80 concellos do total de 92 municipios ourensáns en virtude dun convenio marco de cooperación.
  • A Deputación de Pontevedra é titular do servizo denominado CAAN, con instalacións situadas non lugar do Busto, na parroquia dá Armenteira (Meis). Funciona dende o ano 2013 e conta con amplas instalacións e cun grande equipamento técnico e de persoal. Neste centro titularidade provincial se leva a cabo a prestación do servizo de acollida de animais domésticos abandonados de 52 concellos de Pontevedra.