Viveiro, 10 de setembro de 2024. O PP lucense pide ao Goberno de Pedro Sánchez explicacións pormenorizadas sobre a situación do acceso á praia de Sacido, en Viveiro, pechado fai máis de 6 anos por risco de desprendementos e as xestións realizadas para restablecer o acceso seguro ao areal. Concretamente, os deputados lucenses Jaime De Olano, Francisco Conde e Cristina Abades veñen de rexistrar preguntas para a súa resposta por escrito por parte do Executivo central.
Tendo en conta que “a principios do 2020, se informou da existencia dun informe elaborado pola Dirección General de Costas sobre as actuacións que debían realizarse para a apertura do areal”, os populares esixen ao Executivo estatal que explique se ten elaborado un proxecto de actuación sobre o acceso e, de ser o caso, en que estado de tramitación se atopa. Así mesmo, inciden en querer coñecer se a Dirección General de Costas ten prevista algunha actuación para reabrir o acceso pechado no 2018.
Así mesmo, piden unha relación detallada das reunións, os escritos e o contido dos mesmos e coñecer as xestións que ten realizado o Concello de Viveiro ante a Dirección General de Costas -incluída a delegación provincial- e saber se “tivo vontade ou non de buscar unha solución ao problema”. Tamén solicitan “aclarar que administración é a responsabilidade sobre o mantemento e a seguridade dos acceso á praia de Sacido para determinar que administración ten as competencias para actuar”.
O único acceso á emblemática praia viveirense de Sacido situada ao final do paseo que bordea o litoral dende a praia de Covas está pechado dende fai máis de 6 anos debido ao risco de desprendementos. Dende entón tanto os viveirenses coma os numerosos visitantes das praias da Mariña non puideron desfrutar deste areal moi apreciado polos bañistas e que durante varios veráns contou coa distinción da bandeira azul.
ESCASO PESO POLÍTICA DA ALCALDESA SOCIALISTA
A voceira municipal, Mariña Gueimunde, sinala que “dende o Grupo Municipal Popular tamén temos preguntado en varios plenos pola situación do acceso á praia de Sacido sen que obtiveramos boas novas”.
E ante os investimentos por parte de Costas do Estado para outros arranxos e melloras na comarca, a popular incide no “escaso peso político da alcaldesa de Viveiro” porque “non logra investimentos durante un longo prazo de 6 anos nin sequera de administracións gobernadas por afíns coma o Executivo central”.