Lugo, 7 de setembro de 2024. O PP lucense inicia o curso político analizando a situación da provincia e planificando accións que cheguen a cada recuncho do territorio. Foi nunha reunión de traballo presidida por Elena Candia na que participaron o secretario xeral, Javier Vázquez Nodal; o coordinador xeral, José Manuel Balseiro; e os distintos coordinadores comarcais.
Os populares condenan que “as políticas do Goberno do PSOE e dos seus socios entre os que se atopa o BNG e os independentistas cataláns afectan negativamente a Galicia, a Lugo, aos nosos Concellos e aos nosos veciños e veciñas”. Así, avanzan que “continuaremos defendendo a igualdade entre os españois” e reclamando “o que consideramos xusto: un trato igualitario para Galicia e para a provincia de Lugo con respecto ao resto de Comunidades por parte do Goberno de Sánchez”.
Así pois, reivindican “as infraestruturas que a nosa provincia merece” e que “o Goberno central nos está a negar co consentimento dos socialistas lucenses e os seus socios de goberno, o BNG: estradas nacionais seguras, a construción das autovías prometidas que contribúan ao desenvolvemento do noso territorio e servizos ferroviarios propios do século XXI”. Nese sentido, sinalan que “na actualidade está en obras a liña Lugo-Monforte-Ourense, pero só suporán a súa electrificación e non permitirán que os trens alcancen alta velocidade nin velocidade alta; deixando a Lugo descolgada do AVE”.
Dende o PP lucense lembraron tamén “a falta de implicación do Goberno central coa industria na nosa provincia” como demostra “a falta de medidas” como “a inexistencia dun marco de subministración eléctrico máis favorable para o sector electrointensivo” para “contribuír a que a planta de Alcoa na Mariña sexa competitiva” e poida manter a súa actividade e os seus empregos. Tamén afean “a actitude dos representantes do Goberno central, como a ministra de Traballo, de opoñerse ao asentamento dunha industria que xere emprego e riqueza, priorizando a súa ideoloxía por enriba dos intereses dos galegos e lucenses”.
CANON SOGAMA
Os populares tamén condenaron “a imposición de varios impostos estatais por parte do Executivo de Sánchez que prexudica aos Concellos galegos”. Refírense dende o PP lucense á aprobación da Lei 7/2022, de 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular que “obriga a Sogama a actualizar o seu canon, xa que os sobrecustos que xeran fan inviable mantelo como ata o de agora”.
O Partido Popular xa votou, no seu momento, en contra desta lei que foi apoiada polos socialistas galegos e o BNG. Agora, os populares pedirán dende distintas cámaras que “Sánchez elimine os impostos aos residuos para que Sogama non teña que repercutilos nos Concellos e estes, á súa vez, na cidadanía”.
ACTIVIDADE NAS DISTINTAS INSTITUCIÓNS
Ademais de continuar coa actividade habitual nas distintas institucións e “a escoita activa aos lucenses en resposta á confianza que depositan no noso proxecto político en cada cita electoral, escolléndonos como forza maioritaria”, a formación popular organiza neste novo curso político novas accións trala recente celebración do Congreso provincial de Novas Xeracións no que se renovou a directiva da agrupación xuvenil.
O vindeiro sábado 21 de setembro desenvolverase unha reunión interparlamentaria para “poñer en conxunto” a actividade dos deputados nacionais, senadores, deputados autonómicos e deputados provinciais.
Os populares pechaban o curso político este verán facendo balance da actividade dos seus representantes no Senado, no Congreso dos Deputados, no Parlamento de Galicia e na Deputación de Lugo.