Partido Popular de Lugo

O PP defenderá no pleno unha correcta planificación do ciclo da auga para que todos os monfortinos conten con auga potable e saneamento

Os concelleiros do Grupo Municipal Popular de Monforte critican a falta de previsión do goberno de José Tomé que, unha vez máis, “volve a improvisar no referente ás obras do ciclo da auga”.

O concelleiro José Luis Rodríguez explica que, tal e como publican hoxe os medios de comunicación, os veciños das rúas Doutor Casares, Rosalía de Castro e Reigada sufrirán unha diminución na presión da auga que chega as súas casas.

“No PP temos claro que as obras para mellorar o abastecemento e o saneamento son fundamentais e que, como obras que son, teñen algún tipo de inconveniente, pero o que está claro é a improvisación de Tomé propicia que os veciños sufran problemas coa auga semana si e semana tamén”, denuncia.

Dende o Grupo Municipal Popular instan ao goberno local a realizar unha planificación para programar as obras de renovación das tubaxes de abastecemento así como tamén para poñer fin aos problemas co saneamento. 

Pola súa banda, a voceira popular, Katy Varela, recorda que “os problemas coa auga, por desgraza, non son nada novo” polo que “é urxente que Tomé deixe a un lado a súa política da maquillaxe das rúas pensando so en asfaltar e que planifique mellor as obras, xa que cando se amaña unha rúa hai que facelo tamén naquela parte que non se ve para evitar problemas futuros”.

“Coa nefasta planificación actual do alcalde o único que estamos a conseguir é un municipio con peores servizos xa que os investimentos non se fan pensando no beneficio dos cidadáns, senón na política de Tomé que acadar titulares na prensa e fotos para o recordo”, criticou.

Katy Varela afirma que, como xa levamos facendo todo o mandato e tamén no anterior, seguiremos a defender iniciativas nos plenos ata acadar a mellora do abastecemento e o saneamento na cidade, así como que todos os veciños das parroquias tamén conten con estes servizos básicos. 

“Se os anteriores goberno locais de Monforte conseguiron levar servizos ás parroquias con moitos menos recursos que o actual, por que Tomé non é capaz de facelo?”, preguntou.