Samos, 5 de setembro de 2024. O voceiro do PP de Samos, Miguel Gallego, denuncia unha vez máis “a neglixente xestión que o bipartito BNG-PSOE está a facer co Servizo de Axuda no Fogar (SAF)” e que, segundo lembra, “é un servizo que ten a obriga de prestar puntualmente o Concello aos usuarios -cos que debe amosar sensibilidade xa que se trata de persoas maiores- e para o que conta cunha aportación da Xunta de Galicia”.
Gallego advirte que “comeza o mes de setembro e seguen sen subsanar os problemas habituais por falta de persoal. Actualmente, con traballadoras disfrutando do seu dereito ás vacacións, aos veciños que teñen concedidas 40 horas, só se lles están a cubrir 10. Outros reciben a chamada do Concello para avisar de que recibirán o servizo da man dun substituto, pero logo chega o día e non aparece ninguén. E así van pasando os días e o servizo non se presta. Esta é situación real que”, segundo denuncia o portavoz popular, “o goberno local quere tapar”.
O popular afea que “a solución da alcaldesa sexa mandar ao concelleiro de Cultura e Deportes polas casas a pedir desculpas, alegando que teñen escaseza de persoal, como se esa fose a solución a un traballo que teñen que realizar e non están facendo”.
O Grupo Municipal Popular pregúntase “cal é o traballo que fai este equipo de goberno e polo que está a cobrar das arcas municipais”, á vista de que “o único que levamos visto en relación a este asunto é a alcaldesa negando todo ante a prensa e tratando de botar balóns fóra e culpar a outros”.
“O certo é que os veciños teñen que contratar persoal privado para recibir un servizo que lles o Concello está obrigado a dar por lei e que lles está negando”. Nese sentido, Gallego quere saber “a que se está esperando o goberno local para contratar máis persoal e deixar de tomarlle o pelo á xente”; toda vez que “as traballadoras actuais xa non poden con máis traballo e a lista de espera de persoas que teñen concedidas as horas para o SAF non para de medrar”.