Martes, 3 de setembro de 2024. Os deputados populares Antonio Ameijide Luis Fernández visitaron o complexo turístico de Augas Mestas, en Quiroga, e amosaron “o súa tristura e impotencia” ao ver como “o PSOE e o BNG na Deputación de Lugo abandonaron a súa sorte unha instalación que podería ser un referente turístico na provincia”.
Este área recreativa, construída no ano 1996 pola Deputación cun goberno do Partido Popular a fronte, tiña como obxectivo dinamizar o turismo na Ribeira Sacra poñendo en servizo un área máis a disposición dos turistas que chegan á provincia, pero dende que o PSOE e o BNG chegaron ao goberno da Deputación “ningunha das dúas formacións tivo interese en poñelo en marcha, como certifica que baixo o seu mandato nunca abriron as súas portas”.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, ve en Augas Mestas “o exemplo perfecto” da “nefasta política en materia de turismo” do goberno provincial. “Nunca se preocuparon por captar máis turistas, nin por mellorar a atención que se dá aos que nos visitan nin por facilitar os seus desprazamentos”, lamentou.
Ameijide fai referencia a que en plena campaña de verán moitas das estradas provincias que daban acceso ás praias da Mariña estaban sen desbrozar, así como moitas outras que permitían chegar aos diferentes miradoiros que hai na Ribeira Sacra.
O complexo de Augas Mestas, foi un proxecto pioneiro moi adiantado á súa época, construído por un goberno do PP, conta con varias zonas diferenciadas:
- Unha de bungalows, que se pode ver como están abandonados e mesmo algúns deles tapiados
- Unha zona aberta para a acampada de autocaravanas ou tendas
- Varios edificios que serían os aseos e duchas, así como a recepción e un restaurante
- Dúas piscinas, unha para adultos e outra para nenos
- Varias casas de pedra, na zona exterior do recinto, diferenciadas dos bungalows
- Pantalán de acceso ao río para embarcacións
“É unha mágoa ver como PSOE e BNG abandonaron estas magníficas instalacións a súa sorte e que, semella, foron obxecto de saqueos, xa que hai numerosas pezas de mobiliario que se aprecia que faltan”, denunciaron.
A realidade é que o complexo de Augas Mestas podería converterse nun referente turístico na Ribeira Sacra “pero nin PSOE nin BNG teñen interese por mellorar a economía desta zona da provincia” xa que coa posta en marcha destas instalacións xeraríanse numerosos postos de traballo na zona sur, tanto directos como indirectos.
Xa non ano 2020, o goberno provincial deixou claro o seu nulo interese na posta en marcha deste complexo. No pleno de xuño dese ano, no transcurso dunha iniciativa presentada polo Grupo Provincial Popular, dende o goberno provincial, a deputada delegada de Turismo naquel momento, Pilar García Porto, sinalaba que poñerían en servizo estas instalacións “canto antes mellor”.
“Queda claro que catro anos son tempo máis que suficiente para realizar unha planificación máis que meticulosa e para buscar o financiamento necesario para abrir este complexo turístico”, explicou Ameijide. “O que falta é vontade política e gañas de traballar”, lamentou.