Partido Popular de Lugo

O PP pide ao alcalde que deixe de avergonzar aos veciños de Láncara e se dedique máis a traballar

Láncara, 13de agosto de 2024. O PP de Láncara pide ao alcalde que deixe de avergonzar aos veciños de Láncara e se dedique máis a traballar. A portavoz, Olga Capón, subliña que, “como veciña, dáme vergoña que o meu concello sexa noticia polas declaracións do alcalde; especialmente sendo coñecedora do abandono do termo municipal, sucio e descoidado, porque non se rozan as cunetas, nin se limpan e acondicionan áreas recreativas en pleno verán, nin as zonas verdes do municipio nin se mantén o mobiliario urbano”.

Os concelleiros populares poñen como exemplo da “falta de previsión que demostra falta de interese” á hora de realizar os traballos de desbroce que: no centro da Puebla de San Julián desenvolvéronse algúns traballos a escasos días das festas patronais, pero quedan sen acondicionar moitos outros barrios e rúas: as beirarrúas sucias, o recinto do campo da feira sen acondicionar ou a área do río con mobiliario roto”.

E no resto das parroquias as beiras da maior parte das estradas municipais “están sen desbrozar: só se realizaron eses traballos nas que comunican cos campos das festas ou por onde circulan máis vehículos”. A este respecto, lembran que “o ano pasado tamén quedaron as pistas das parroquias sen rozar”. Os concelleiros do PP xa advertiron desta situación en varios plenos sen que o equipo de goberno fixera nada e agardan “que este ano non volva suceder o mesmo” porque “supón un perigo para os condutores, un risco en caso de incendio e unha imaxe mala como concello”. Tamén apuntan que “están descoidadas as marquesinas das parroquias: rotas e sen rozar”.

“Todo isto é máis reprobable aínda tendo en conta que é o segundo ano que non temos brigadas e que un dos tractores do Concello está parado”, mentres que “todos os veciños pagan os seus impostos e teñen dereito a dispoñer dunhas estradas limpas e coa mellor visibilidade posible”. A portavoz sinala que “é posible facer unha mellor xestión dos desbroces, como fan noutros concellos, ofrecendo un bo servizo aos veciños e unha boa imaxe das nosas parroquias”.

ANUNCIA MULTAS DESPOIS DE ANOS SEN INFORMAR AOS VECIÑOS

A popular critica ao alcalde que “anuncie multas aos veciños que depositen voluminosos na rúa” cando “leva anos sen ofrecer ningún tipo de información sobre a recollida do lixo ou separación e reciclaxe e tampouco promoveu a colocación de contedores para a recollida selectiva de residuos”.

Así mesmo pídelle ao equipo de goberno do PSOE que “dea exemplo” porque “a recollida do lixo é unha das súas materias pendentes” como se pode comprobar facilmente “vendo a situación de moitos contedores rotos ou sen tapas e que levan anos sen repoñer; ademais da falta de atención no punto limpo ou o abandono dos puntos de acopio de plásticos agrícolas”.

Capón lembra que “dende setembro do 2022 están sen renovar as condicións do contrato de recollida do lixo. En novembro do 2023 o goberno aprobaba unha subida de taxas aos veciños e dende o Partido Popular pediamos que, xa que se incrementaba, repercutira nunha mellora do servizo; pero todos podemos comprobar que non é así”.