Xoves, 8 de agosto de 2024. O portavoz provincial e concelleiro do PP no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, considera “unha pena que o BNG non demostre a mesma valentía” á hora de “esixirlles aos seus socios de goberno no Concello e na Deputación de Lugo, o PSOE, a apertura do aparcamento de Santa María”.
Ameijide lémbralle aos responsables do BNG que “forma parte dos gobernos que teñen competencias sobre o aparcamento de Santa María” e pídelles que “lle reclamen a Tomé a apertura ao público deste aparcamento para o que xa hai ordenanza e que xa está rematado”.
Arroxo dicía en febreiro de 2022 que levaban dende o 2019 agardando pola apertura do aparcamento do CENTRAD e que “dous anos de espera son máis que suficientes”; pero “agora esquece poñerlle deberes aos seus socios de goberno e aos seus propios compañeiros do BNG na Deputación”.
O popular engade que “dende o 2019 pasaron máis de catro anos, pasaron máis de dous dende que o BNG abriu o párking e o PSOE o volveu pechar un día despois e, incluso, pasou case ano e medio dende o anuncio dos responsables socialistas dos gobernos na Deputación e no Concello de que abriría en setembro do 2023”. E “case un ano despois segue pechado e dende o BNG permanecen calados”.
Ameijide cre, polo tanto, que “o goberno local de Lugo non é moi bo exemplo” da posta a disposición dos veciños de infraestruturas públicas. E, ademais, recorda que “se seguen negando a estudar sequera a reivindicación dos veciños do barrio Fontiñas” e “tampouco teñen avanzado en dotar de aparcamentos disuasorios en espazos públicos nin no impulso de convenios para para aproveitar espazos privados” como propón o Partido Popular.
PLENO PROVINCIAL
Os deputados do Grupo Provincial preguntaron no último pleno ao goberno da Deputación pola data de apertura ao público do aparcamento de Santa María “e viñeron a dicir que xa nos enteraríamos pola prensa”.