Vilalba, 29 de xullo de 2024. O Grupo Municipal Popular de Vilalba pedirá no próximo pleno a creación dunha comisión informativa sobre asuntos competentes ás áreas de mobilidade e urbanismo na que estean representados os catro partidos da corporación local “para debater asuntos relacionados con estas áreas que nos trasladan os veciños e veciñas, especialmente os relacionados co tráfico urbano ante os últimos anuncios de cambios no sentido da circulación da rúa da Pravia ou as novas zonas de aparcamentos con zona azul”.
Concretamente, os concelleiros do PP cren que é preciso aclarar os novos cambios que afectan á rúa da Pravia -prazos e obras necesarias para o cambio de sentido da mesma-, valorar o novo estudo de mobilidade en comparación co anteriormente redactado, valoración os cambios no novo regulamento de tráfico dos aparcamentos con zona azul, así como os aparcamentos na zona da Praza de Santa María e a súa contorna, establecer estratexias para xestionar o tráfico urbano nos días que se realicen eventos na praza de Santa María ou na rúa da Pravia e desenvolver un programa de sinalización urbana nas entradas e saídas do casco urbano e da situación dos aparcadoiros públicos, entre outros temas.
Os populares entenden que “os cambios e melloras na área de mobilidade e urbanismo marcarán o futuro do Concello” e, polo tanto, “consideramos de vital importancia a planificación dunha estratexia global que marque a intervención e modificación urbana para os próximos anos e na que se mostre a colaboración entre distintas áreas como o sector comercio, o industrial ou o turismo”.