Burela, 26 de xullo de 2024.- O parlamentario mariñán José Manuel Balseiro vén de rexistrar no Senado unha batería de iniciativas nas que demanda ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que elabore un estudo científico para indagar as razóns polas que se está a producir unha significativa redución das capturas de xarda (Scomber scombrus, especie pesqueira tamén coñecida como caballa ou verdel).
Así por exemplo, a cota para a frota da provincia–arrastre e cerco– é de 640.000 quilos e, a esta alturas, tan só se pescaron 50.000. “Mantense -explica Balseiro- unha tendencia preocupante que vén repetindo nos dous últimos anos”.
O senador popular considera que o Goberno de España debe encomendar ao Instituto Español de Oceanografía (IEO) un traballo de investigación prospectiva que, a través dun seguimento desta especie en augas ibéricas, axude a esclarecer as causas desta diminución de capturas. “Todo apunta a que, e así nolo traslada o sector, non é un problema de carencia de stock, xa que se atopa en bo estado, senón a outras causas por determinar”.
Para explicar esta situación hai varias hipóteses, pero ningunha resposta con base científica. Entre as posibles razóns pode estar a temperatura da auga, que sexa unha cuestión cíclica ou mesmo a abundancia do seu alimento natural (sardiña, anchoa, boquerón) que fai que a cabala non ascenda ás superficies habituais onde se captura, ou quizá, a voracidade do seu depredador natural (o atún vermello ou o branco) que dificulta que estea presente en augas máis superficiais.
UNHA ESPECIE CLAVE PARA A PESCA LUCENSE
Balseiro lembra que este ano unha trintena de embarcacións participan na pesqueira dirixida á cabala só na provincia de Lugo, frota pioneira na xestión da especie. Con todo, o fenómeno que afecta á cabala non é exclusivo da frota galega, senón que o sofren tamén outras, como a asturiana, cántabra ou vasca. “Todo isto sen esquecer ademais a súa importancia a campaña a xarda ten tamén para a industria transformadora, xerando actividade e emprego no sector”.
As estatísticas oficiais de primeira venda corroboran que costeira da xarda xa non é o que era. Así por exemplo as 4.505 toneladas de cabala comercializadas o ano pasado en Galicia supoñen un 38% menos que en 2022 e os datos apuntan a outro descenso este ano. Unha tendencia que se reflicte no podio de lonxas galegas polas que máis cabala pasa que son Burela, A Coruña e Ribeira. Isto tradúcese nunha caída dos ingresos a máis da metade. “A preocupación é especialmente intensa en zonas como A Mariña lucense, onde a costeira da cabala representa entorno ao 65% das vendas en lonxa”.