Partido Popular de Lugo

O PP denuncia que Tomé segue “sen preocuparse” polos problemas dos monfortinos tras producirse nos cortes no abastecemento de auga nas parroquias

Monforte, 26 de xullo de 2024. Os problemas coa rede de abastecemento de auga potable en Monforte seguen a ser, “tristemente”, noticia e, nesta ocasión, son as parroquias do rural as afectadas por un novo corte no subministro que comezou na madrugada do mércores 24 ao xoves 25 e que, segundo confirman os propios veciños, “segue vixente neste momento” (durante a mañá do venres 26 de xullo).

A voceira popular, Katy Varela, afirma que “xa non atopamos cualificativos para esta situación” porque “José Tomé é coñecedor dos problemas que hai en Monforte co abastecemento e o seu balance é que non fixo nada por solucionalos”.

“Todos os veráns temos o mesmo problema” denunciou Varela, que sinala que nestes meses a presión de auga diminúa “sendo as parroquias do rural as principais afectadas”.

Unha situación que se produce en plena vaga de calor (na comarca están a alcanzarse os 38º) o que “acentúa aínda máis os problemas xa que a auga é un ben de primeira necesidade”.

TOMÉ NON ENTREGA OS DATOS SOLICITADOS

Katy Varela tamén denuncia que no mes de maio dende o Grupo Municipal Popular pediuse acceso aos datos sobre o volume de auga potabilizada e a facturada polo Concello durante todo o ano 2023 “unha información que a día de hoxe seguen negándonos”. “José Tomé escúsase en que o Concello no ten os datos, que os ten a empresa que xestiona o servizo”, unha situación “preocupante” xa que “o Concello de Monforte debería de ter acceso inmediato a toda a información referente aos servizos que presta aos cidadáns”.

“José Tomé segue a demostrar que os problemas reais e diarios dos monfortinos non lle preocupan o máis mínimo, son centra os seus esforzos na súa promoción”, sentenciou.