Partido Popular de Lugo

O PP solicita a Tomé visitar o interior do edificio da residencia de Becerreá para «coñecer de primeira man o seu estado»

Os deputados provinciais do PP queren “coñecer de primeira man” o estado do interior da residencia de maiores de Becerreá; especialmente, tras detectar nunha visita recente á zona algún dano no exterior do edificio que rematou de construírse fai máis de dous anos e que, dende aquela, o goberno provincial de PSOE e BNG mantén pechado privando aos veciños e veciñas da comarca dun servizo demandado e favorecendo o seu deterioro por falta de uso. “Dende o exterior xa se aprecia a necesidade de acometer reparacións, como por exemplo na fachada trasventilada e ata intentos de entrada ao inmoble”, apunta o portavoz, Antonio Ameijide.

Por iso, o Grupo Provincial Popular vén de solicitar formalmente ao presidente, José Tomé, que estableza e comunique data e hora neste mesmo mes de xullo para a visita co correspondente persoal provincial acompañante e as medidas necesarias para garantir a seguridade durante a visita.

Ameiijde explica que “queremos saber en que estado se atopa o inmoble e comprobar se o goberno provincial avanzou ou non na posta en marcha deste centro de maiores de ámbito comarcal. Aínda non sabemos se o conectaron á rede eléctrica ou non”. Igualmente, está pendente de dotar de mobiliario á cociña e de contratar ao persoal.

Os populares comparten a preocupación dos veciños e veciñas de Becerreá e a súa comarca que vén como o edificio leva tempo rematado, pero pola inacción do goberno provincial non está en marcha, “a pesar de que os veciños e veciñas seguen demandando este servizo”.

É máis, os deputados provinciais do PP condenan que “o presidente expulse aos veciños e veciñas que acoden aos Plenos provinciais impedindo que manifesten o seu rexeitamento ás políticas de PSOE e BNG que manteñen pechada a residencia”.

FUXIDA CARA ADIANTE

Ameijide considera que “o anuncio que o presidente da Deputación realizou en abril deste ano de priorizar a posta en marcha desta residencia de maiores foi unha fuxida cara diante trala demanda presentada polo Concello de Becerreá nos xulgados contra a Deputación de Lugo”, sinalou. “Un escudo ou escusa para tratar de defenderse no caso de que a xustiza lle reclame responsabilidades por non cumprir co compromiso de poñer en marcha a residencia no prazo establecido no convenio: antes do 19 de decembro de 2023”.

O popular lembra que “o propio goberno provincial sinalou en novembro do pasado ano que esta residencia non se axusta ao modelo de centros de atención a maiores da Deputación, a pesar de que foron gobernos de PSOE e BNG os que a construíron”.

RESPONSABILIDADE DO BNG

O popular pídelle ao BNG que non enrede e que, “se pinta algo no goberno provincial que preside Tomé, que faga algo por abrir a residencia de Becerreá e dar servizo aos veciños e veciñas da comarca dos Ancares”.