O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, “rectificaba implicitamente” a súa postura sobre Altri na comparecencia ante os medios de comunicación posterior á reunión co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, “deixando a porta aberta a apoiar” o proxecto para a instalación dunha fábrica de fibras téxtiles en Palas de Rei “se cumpre cos aspectos legais e medioambientais”.
Á vista das declaracións de Tomé cremos que a Deputación de Lugo debe aclarar aos lucenses a súa postura ao respecto do proxecto e por iso o Grupo Provincial do Partido Popular preguntará no vindeiro pleno se a institución provincial apoiará o proxecto se, finalmente, conta cos informes técnicos favorables.
O portavoz popular, Antonio Ameijide, agradece que Tomé e o PSOE “paren de boicotear proxectos industriais na provincia sen esperar aos informes técnicos” e explica que “a postura do Partido Popular foi sempre a mesma: apoiar a implantación de iniciativas empresariais sempre que garantan o cumprimento de toda a normativa medioambiental, técnica e demais que sexa de aplicación”. Incluso, “dende o Grupo Provincial do PP presentábamos no pleno de marzo deste ano -fai catro meses- unha iniciativa nese sentido sobre o proxecto de Altri que contou co voto en contra de Tomé e o equipo de goberno – PSOE e BNG- polo que agradecemos este cambio de postura”.
“O que non podemos entender é que ninguén se posicione en contra de iniciativas que favorezan o desenvolvemento industrial da provincia, a creación de emprego e o asentamento de poboación sen agardar sequera ás valoracións dos técnicos nin aos informes ambientais”, explica o portavoz do PP.
Coa pregunta que formularán os deputados populares no pleno pretenden saber se “PSOE e BNG están a favor ou en contra do desenvolvemento industrial da provincia, rexeitando calquera proxecto para que o noso territorio avance”.
PSOE E BNG FAI 2 ANOS ESTABAN A FAVOR
“PSOE e BNG romperon neste ano a unanimidade acadada fai dous anos”, explica Ameijide. “Tomé e o goberno provincial xa cambiaran de opinión anteriormente en relación a este proxecto: no pleno provincial de xullo do 2022, votaban a favor dunha iniciativa do PP que saíu aprobada por unanimidade” para demandar ao Goberno de España liñas de apoio no marco dos fondos europeos Next Generation para o desenvolvemento na nosa provincia da primeira fábrica de fibras téxtiles de España que se prevé instalar no municipio lucense de Palas de Rei.