Trabada, 19 de xullo de 2024. “A Xunta de Galicia continúa investindo en Trabada”, segundo manifesta o voceiro popular, José María Fernández, que explica que “o Concello recibirá unha nova axuda correspondente ao fondo adicional do Fondo de Cooperación Local dirixida á mellora da eficiencia enerxética de edificios de titularidade municipal”. Concretamente, a Xunta concede 60.000 euros para a substitución da cuberta do pavillón polideportivo municipal de Trabada.
Fernández subliña que “trala reunión mantida co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, xa avanzamos que o Goberno galego seguiría investindo en Trabada despois dos máis de 170.000 euros que achegara ata o momento”.
MÁIS DE 230.000 EUROS EN AXUDAS DA XUNTA
O popular destaca que “no que vai de 2024, a Xunta xa ten concedido máis de 200.000 euros ao Concello de Trabada en diferentes liñas de axudas”. E a isto hai que engadir outras aportacións habituais e o financiamento de servizos públicos de competencia autonómica.
A Xunta aporta 30.000 euros para a área recreativa de Vilapena (a través de axudas para a mellora de infraestruturas turísticas), case 20.000 euros para a renovación da cuberta do Centro Social de Sante (a través da liña de axudas contra o feísmo), máis de 50.000 euros para cubrir o parque infantil (axudas para a mellora de infraestruturas de titularidade municipal), máis de 16.000 euros para a contratación dun traballador (programa APROL Rural), máis de 55.000 euros para o mantemento e mellora do acceso a Val das Eguas e a Penela (co Plan Marco de camiños 2024/2025) e máis de 1.000 euros de axuda ao funcionamento de Protección Civil.