Xoves, 18 de xullo de 2024. O portavoz do Grupo Provincial Popular na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide, aplaude o “ton cordial e construtivo” da reunión entre o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o da Deputación de Lugo, José Tomé, que agardamos que sirva para “impulsar investimentos frutíferos para a provincia e solucionar problemas que veñen de antano”. Así mesmo, subliña “a aposta do Goberno galego pola provincia de Lugo” e destaca “o trato igualitario de Rueda aos Concellos e provincias independentemente da cor política dos seus gobernos”.
Nese sentido, Ameijide pide a Tomé que “copie o ‘estilo Rueda’: o dun presidente que escoita os problemas da provincia e aporta solucións e investimentos”. Polo tanto, convídao a que “tome nota” e “rectifique a súa actitude de sectarismo político cara aos Concellos gobernados polo Partido Popular e a súa negativa sistemática nos máis de 5 anos á fronte da Deputación a escoitar aos seus alcaldes”.
Igualmente, o portavoz popular agradece que “a Xunta se tome en serio as infraestruturas na nosa provincia” e “pedimos á Deputación de Lugo que siga o seu exemplo apostando polo mantemento das súas propias infraestruturas e demandando ás administracións que correspondan a mellora das da súa competencia”. Ao respecto Ameijide subliña que o Goberno que preside Pedro Sánchez ten pendente as autovías da Mariña e as que conectan con Ponferrada e Ourense e lembrou que “os investimentos nas estradas estatais condicionan tamén o avance nas vías de titularidade autonómica”. Así mesmo, lembra o popular que “o AVE non chega á nosa provincia”.
Ameijide agradece “a rectificación implícita” de Tomé e PSOE para “parar de boicotear proxectos industriais sen esperar aos informes técnicos” e manifesta o seu “apoio á proposta do presidente Rueda de agardar aos informes e, posteriormente, se cumpren apoiar iniciativas industriais na provincia”. Polo tanto, “agradecemos que Tomé entrara en razón nesta materia” e continúa a demandar ao goberno provincial “apoio para captar proxectos industriais para a provincia, tal e como fai a Xunta nos seus polígonos que están practicamente ocupados, unha política que debera copiar a Deputación de Lugo”.
Igualmente, subliña que “Tomé tamén recoñece que o Goberno do Estado non está a pagar o que lle corresponde polo SAF, o que provoca que sexan os Concellos e a Xunta os que teñan que asumir os custes porque Pedro Sánchez lle nega ese financiamento aos usuarios e usuarias”.
En relación á sanidade pública, Ameijide agarda que “a reunión de onte sirva para que a Deputación de Lugo se sume á reivindicación para que o Goberno de Pedro Sánchez aumente as prazas para poder formar máis médicos. O problema da falta de médicos e da cobertura de prazas que non é so de Galicia, senón de ámbito nacional; e a solución pasa porque o Ministerio de Sanidade abre a man”.