Os deputados populares Antonio Ameijide e Luis Fernández, xunto ao alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, comprobaron como o acceso á Fervenza de Augacaída, a través da estrada provincial LU-P-4107, segue a ser “perigoso” xa que o goberno de PSOE e BNG “segue negándose a arranxar o firme e a habilitar unha zona de estacionamento nas proximidades do acceso”.
O voceiro do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, condena que “o mal estado desta vía de titularidade provincial dificulte a mobilidade dos veciños de Pantón, así como dos turistas que queren chegar a esta fervenza”, unha das máis concorridas da provincia pola súa beleza natural e espectacularidade.
Dende o Grupo Provincial Popular xa se reclamou no pasado mes de decembro o mantemento desta estrada, “con antelación suficiente ao verán, época na que se achegan máis visitantes”, pero o goberno de José Tomé “considera que é mellor seguir a obviar o seu mantemento, facéndoa perigosa e sen habilitar unha zona de estacionamento, provocando aglomeracións de vehículos nas proximidades do acceso”.
“Isto supón que os veciños non dispoñan dunha vía en boas condicións e que os turistas teñan numerosas dificultades para acceder á zona”, sinalou.
Antonio Ameijide recorda que “en desatencións” como esta “podemos ver como dende o goberno de PSOE e BNG na Deputación de Lugo non apoian a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade” xa que “é necesario o esforzo conxunto de todas as administracións, así como dos veciños da provincia, para acadar este recoñecemento”. “Se non remamos todos na mesma dirección será moito máis difícil que a Ribeira Sacra logre a distinción que merece”, afirmou.
Unha falta de compromiso do goberno provincial coa Ribeira Sacra que tamén supón problemas ao desenvolvemento económico e turístico desta zona da provincia xa que “se os turistas non se poden mover con comodidade deixarán de vir, ademais de supoñer trabas á competitividade das empresas asentadas na zona sur da provincia”.