Lugo, 6 de xullo de 2024.- O Partido Popular vén de anunciar unha ofensiva con iniciativas no Senado e no Parlamento de Galicia para reclamar á Demarcación de Costas do Estado que repoña “en condicións de seguridade e normalidade” os accesos á emblemática praia de San Bartolo, no municipio lucense de Barreiros.
Os populares reclaman tamén,a este departamento estatal dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico,que acometa de forma inmediata a reparación do cantil, antes de que se produzan novos derrubes que poidan afectar o paseo de San Bartolo, así como que impulsen as actuacións necesarias para evitar futuros danos.
A principios do mes de xaneiro do ano 2021 produciuse un desprendemento de rocas de gran tamaño sobre a escalinata de acceso occidental da praia de San Bartolo. Tres anos despois, aínda non se retiraron as rocas, nin se consolidou o cantil, polo que devandito acceso continúa cortado ante a falta de seguridade.
A zona do desprendemento está situada no espazo do dominio público marítimo terrestre. Desde o PP sinalan que a administración estatal, competente neste ámbito, non foi capaz de dar resposta, nin de explicar cando se acometerán as obras, demostrando que hai unha falta de interese por responsabilizarse da retirada das rocas e da reparación do cantil que soporta o paseo de San Bartolo.
Os populares censuranpor igual a inacción do Goberno de España e do Goberno municipal xa que, durante todo este tempo, máis de tres anos, non foi capaz de obrigar a solucionar esta problemática, o que fai temer que esta será o cuarto verán consecutivo no que os accesos á praia de San Bartolo sigan pechados, privando a turistas, veciños e veciñas do goce da praia de San Bartolo.
DAS MELLORES PRAIAS DA PROVINCIA
Cómpre lembrar que o municipio lucense de Barreiros ten nas súas praias un recurso natural de primeira magnitude e un dos atractivos máis importantes desde o punto de vista turístico, actividade fundamental para a economía local. Os areais son tamén un lugar de diversión, deporte e de saúde para os seus veciños.
A praia de San Bartolo é, sen dúbida, un dos espazos máis emblemáticos da costa de Barreiros, visitada por multitude de persoas e, xunto coa praia de Altar, son os dous areais máis coñecidos da localidade no exterior.
Nota.- Na foto, os senadores José Manuel Balseiro, José Manuel Barreiro, Juan Carlos Serrano, acompañados do portavoz municipal do Grupo Popular, José Manuel Gómez Puente e dalgúns veciños da zona, visitaron o acceso pechado ao areal.