Partido Popular de Lugo

O PP critica a “nula” política de impulso ao emprendemento do goberno de Lourenzá porque non se crearon empresas no último semestre, que foi o mellor na Mariña en 5 anos

O PP laurentino lamenta a “nula política de impulso ao emprendemento” que practica o goberno municipal á vista de que “en Lourenzá non se creou ningunha empresa no que foi o mellor semestre en creación de empresas na Mariña en 5 anos”.

Os populares advirten que “o emprego e o asentamento da poboación están interrelacionados: se non se crean oportunidades laborais non se asentar familias no municipio e se non hai xente, tampouco hai quen cree empresas e emprego. Mentres noutros concellos da comarca si se xeran oportunidades, Lourenzá quédase atrás”.

O portavoz, Roberto Díaz, asegura que “houbo varias empresas interesadas en instalarse no noso concello, pero remataron por marchar a asentarse en concellos limítrofes”. Polo que chama ao goberno municipal a “avaliar a situación e adoptar medidas para que Lourenzá volva ser un municipio que xere emprego e dinamización económica”.

O popular explica que “Lourenzá é Concello Emprendedor, unha iniciativa impulsada pola Xunta en colaboración co FEGAMP dirixida a favorecer a implantación e o funcionamento de propostas empresariais” e, polo tanto, “o Concello ofrece vantaxes como incentivos fiscais, simplificación administrativa e facilidades de acceso a solo industrial”. Pero, “á vista dos datos de creación de empresas no último semestre, queda claro que non se está a facer o esforzo necesario por dar a coñecer estas vantaxes e buscar de forma activa empresas que poidan estar interesadas en asentarse en Lourenzá”.