Partido Popular de Lugo

O PP confirma que, unha vez rematados varios procesos selectivos, o PSOE está a colocar aos membros dos seus gabinetes como funcionarios alí onde gobernan

Xoves, 4 de xullo de 2024. “Confírmase que o PSOE e BNG están a tecer unha rede de funcionarios afíns nas distintas administracións que gobernan para tentar manterse no poder”, así de contundente se amosaba o voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, tras coñecer a finalización de varios procesos selectivos en varias administracións controladas por socialistas.

Ameijide recorda que “é algo que xa advertimos nas últimas semanas” e “á vista das resolucións definitivas non nos equivocamos”.

Na Deputación de Lugo vén de concluír o proceso de selección para unha praza de técnico de comunicación audiovisual do ente provincial “sendo as dúas mellores notas para dous traballadores eventuais do gabinete de José Tomé”.

“Todo o que dixemos nas últimas semanas sobre este, e outros procesos selectivos, está a cumprirse”, sinalou, o que confirma que “PSOE e BNG están tecendo unha rede de funcionarios afíns en diferentes administracións para tentar perpetuarse na presidencia provincial e naquelas administracións que dirixen”.

Para o voceiro popular segue resultando “curioso” que as mellores notas nos últimos procesos selectivos de persoal realizados pola Deputación e por algún concello gobernado polo PSOE “son de persoal propio do gabinete da presidencia da Deputación”.

“Non dubidamos da capacidade e da calidade académica de ningún dos aspirantes pero si que é, cando menos curioso, ver como nestes procesos selectivos organizados polo PSOE é o seu persoal o que acada a mellor puntuación”, denunciou.

Non se trata do único caso denunciado xa que, a inicios de ano, o anterior xefe de gabinete de Tomé (renunciou ao posto en xuño) era un dos únicos tres admitidos no proceso selectivo de persoal interino para o desempeño de posto de secretaría-intervención no Concello de Antas de Ulla, no que é alcaldesa Pilar García Porto.

“E o resultado é que, unha vez rematado o proceso de selección, el é a persoa que está a ocupar ese posto e a desempeñar esas funcións dende o pasado mes”, explicou, tras un proceso selectivo no que outra das aspirantes admitidas xa traballara con anterioridade, e durante varios anos, como secretaria accidental no Concello de Monforte de Lemos con José Tomé como alcalde.

ABUSO DAS ATF

Dende o Grupo Provincial Popular tamén fan referencia “ao abuso” que fai José Tomé das ATP (atribución temporal de funcións), incluso con funcionarios interinos “para así poder dirixir con persoal afín aqueles departamentos que máis lles interesan, incluso con persoal que non é funcionario de carreira”.

Esta situación non serve unicamente para colocar “aos seus afíns” en postos chave das administracións “senón que tamén serven para darlles incrementos notorios nas súas retribucións”.

Neste senso, hai un exemplo que sobresae sobre os demais: a decisión de nomear a Sonia Méndez, ex tenente de alcalde do PSOE no Concello de Lugo, xefa do servizo de contratación por diante doutros funcionarios de carreira e con moitos máis anos de experiencia. “A decisión de colocala á fronte dese servizo foi unha declaración de intencións do que estaba por vir”, sentenciou, unha decisión encamiñada a “controlar” todas as contratacións da Deputación de Lugo.

Ante esta situación, os deputados do Grupo Provincial Popular realizan unha reflexión e afirman que “chegar a este punto non nos estraña xa que José Tomé, o PSOE e o BNG están a seguir a folla de ruta marcada hai anos por outro expresidente socialista, José Ramón Gómez Besteiro”.

“Non podemos afirmar que copiaron os apuntes, pero si que os están a seguir con detalle”, sentenciaron.