Agora que xa comezou o verán e xa chegaron os primeiros turistas ás zonas de praia da provincia, “urxe que a Deputación realice os desbroces” nas estradas provinciais de Barreiros xa que a maleza invade a calzada en numerosos puntos, “aumentado o perigo ao diminuír considerablemente a visibilidade e obrigando aos peóns a invadir os carrís de circulación”.
Os deputados Antonio Ameijide e José María Fernández, xunto ao voceiro popular en Barreiros, José Manuel Gómez Puente, comprobaron como a vexetación provoca estas situacións de perigo, invadindo os carrís de circulación e practicamente pechando as zonas para o tránsito de peóns.
Antonio Ameijide lamenta que “un ano máis o goberno provincial vai tarde cos desbroces das estradas provinciais”, o que é “unha mostra máis da falta de traballo e dilixencia de socialistas e nacionalistas no mantemento das estradas en toda a provincia”.
Os populares revisaron o estado de varias estradas provinciais en Barreiros, como a LU-P-0601 (de San Cosme de Barreiros á Ría de Foz) ou a LU-P-0610 (enlace praias de Altar e Reinante á glorieta As Catedrais). “Estas son dúas das estradas máis transitadas no verán porque conectan varias praia entre si ademais de conectar co casco urbano de Barreiros e a vexetación invade as beiravías en case todos os puntos, así como os carrís de circulación e cubre parte da sinalización”, explicou, polo que “por seguridade” cómpre realizar de inmediato os desbroces.
Nestes meses a poboación dos municipios da Mariña, como o de Barreiros, multiplícase e estes concellos non se poden permitir a imaxe que se transmite aos turistas: “que dirán estes visitantes aos seus familiares e amizades cando regresen aos seus fogares?”.
Uns traballos que se debería de complementar co bacheado destas estrada e o repintado das mesmas xa que en moitos puntos non hai separación entre carrís.