Foz, 27 de xuño de 2024. O Grupo Municipal Popular de Foz solicitará un pleno extraordinario no caso de que Cajoto non chegue a un acordo coa Plataforma de Familiares de Usuarios da Residencia de Maiores no prazo dunha semana. Neste sentido, o voceiro popular, Javier Jorge Castiñeira, considera que a plataforma ten razón e que “a solución non son as axudas de emerxencia, a solución é un canon directo do Concello á empresa para que rebaixe as taxas en función das propias posibilidades dos usuarios”.
“A solución proposta polo Partido Popular, a cal comparte a plataforma, non reporta máis gasto ao Concello, só hai que reordenalo; parte destinalo a axudas de emerxencia para casos extraordinarios e parte para o canon que afecte a todos os residentes”, sinala Javier Castiñeira. Ademais, esta medida debe estar clara antes de que o Concello firme o novo contrato posto que deberá comprometerse coa empresa a pagar o canon acordado mes a mes.
Polo tanto, o PP propoñerá, a través dun rogo no pleno que se celebrará hoxe, que se estableza este canon e espera que o BNG pase de ser muleta de Cajoto a ser útil para Foz e, neste caso, para os usuarios da residencia de maiores.