Partido Popular de Lugo

O PP lamenta que “Sánchez lle saia caro ás empresas de Lugo” e insta ao Goberno do Estado a rebaixar o prezo do solo industrial

Ribadeo, 21 de xuño de 2024. Os deputados lucenses do PP no Congreso, Francisco Conde e Jaime De Olano, aseguran que “Sánchez lle sae caro ás empresas lucenses” tras analizar a situación dos polígonos industriais da provincia e á vista de que “as áreas xestionadas por Xestur (Xestión do Solo de Galicia) ofrecen prezos moito máis competitivos que os xestionados pola Entidade Pública Empresarial de Suelo (SEPES) ou por Suelo Empresarial del Atlántico S.L (SEA)”.

Tendo en conta que “o Goberno respondía por escrito ante unha pregunta do Grupo Popular que non tiña intención de crear novas infraestruturas industriais na provincia” e que “o obxectivo final ten que ser incentivar a aquelas empresas que opten pola nosa provincia para xerar actividade económica e crear novas oportunidades de emprego, pedimos que as entidades dependentes do Estado rebaixen o prezo”. Concretamente, a través dunha Proposición No de Ley (PNL) pedirán que o Goberno adopte as condicións idóneas para o desenvolvemento de proxectos empresariais en Ribadeo onde mantiveron unha reunión co alcalde, Dani Vega, en relación á area industrial que xestiona a Entidade Pública Empresarial de Suelo (SEPES), que promove tamén o parque empresarial de Sarria.

Os deputados do PP lucense na Cámara baixa agardan o apoio dos socialistas da provincia e do deputado do BNG á súa iniciativa porque entenden que “só así se incentiva o crecemento produtivo, económico e laboral nas comarcas nas que se sitúan e, en consecuencia, se fixa poboación e se frea o declive demográfico que acusa a nosa provincia”.

CREAR CONDICIÓNS IDÓNEAS PARA O DESENVOLVEMENTO EMPRESARIAL

Os populares entenden que “estimular o asentamento de empresas esixe crear condicións idóneas en materia de infraestruturas e custes para o desenvolvemento de proxectos empresariais”. Neste senso, “o custe do solo industrial é un elemento determinante para atraer empresas e para que as que están sexan máis competitivas”.

SEA asume os polígonos de Monforte, Chantada, Rábade e Mondoñedo. Entre os polígonos que xestiona a Xunta de Galicia na provincia, poñíanse á venda a comezos de ano máis de 80 parcelas, todas coa bonificación do 50%: Monterroso (23), Porto Seco de Monforte primeira fase (12), Xermade 2ª fase (8), Lourenzá 2ª fase (6), Taboada 1ª fase (5), Quiroga (3), Bóveda 2ª fase (2).

“O que demandamos é altura de miras ao Goberno de Sánchez que debe tomar nota da Xunta de Galicia que, unha vez máis, lle marca o rumbo, neste caso en materia empresarial” porque “ser empresario en Lugo é moito máis rendible coa Xunta que co Goberno, ou dito doutro modo, co Goberno galego ás nosas empresas sáelles polo menos un 15% máis barato adquirir solo industrial que co Executivo de Sánchez”.

RIBADEO LOITA POLA REBAIXA DO PREZO DO SOLO INDUSTRIAL

O alcalde, Dani Vega, explica que “Ribadeo loita pola baixada do solo industrial. Dende o Concello traballamos e seguiremos traballando dende unha boa relación coas administracións e con SEPES, pero non podemos estar agardando por unha noticia que non da chegado”.

Vega subliñou o seu agradecemento a Conde e De Olano como membros do grupo maioritario no Congreso por “dar traslado á Cámara baixa unha proposta para esixir ao Goberno actuar baixando o prezo do solo industrial para facer que o polígono de Ribadeo sexa competitivo, que dea cabida a empresas de forma que o noso municipio se converta nun polo industrial porque Ribadeo precisa industria e diversificar a economía do municipio”.

Nese sentido, subliña que “ofrecer un prezo accesible para favorecer a venda de parcelas no polígono industrial sería un paso moi importante para abrir as portas ao investimento”. Así, pon en valor esta iniciativa que “non pretende confrontar, senón propoñer e chegar a un acordo para impulsar a actividade empresarial en Ribadeo”.