Os concelleiros do Grupo Municipal Popular de Monforte felicitan a Tomé “por solicitar por fin” unha subvención da Xunta de Galicia grazas a cal a cidade contará cun novo aparcamento no polígono industrial.
O concelleiro José Luis Rodríguez explica que o goberno autonómico aportará máis do 40% dos fondos totais e que este aparcamento ocupará unha superficie de 6.400m2 e contará con 64 prazas para camións, 34 para vehículos, 4 puntos de recarga para coches eléctricos e dúas prazas para persoas con mobilidade reducida.
“Nós felicitámolo por solicitar esta axuda xa que sempre estaremos a favor de todo investimento que se realice no municipio, polo que agardamos que sirva para que o alcalde teña un cambio de tendencia e pida máis axudas que a Xunta pon a disposición dos concellos, algo que ata agora non facía”, destacou.
CAMBIO DE TENDENCIA
Pola súa banda, a voceira popular, Katy Varela explica que a Xunta de Galicia colabora con todos os concellos de Galicia, independentemente da cor política que o goberne. De feito, no último mandato, dende o goberno galego investiron unha media de 8M€ por ano en Monforte, o que se traduce nuns 36M€ aproximadamente nos catro anos.
Neste senso, Katy Varela agarda “un cambio de tendencia” en Tomé e que comece a solicitar as subvencións que a Xunta pon a disposición dos concellos xa que “servirán para que Monforte medre e mellore e, seguramente, para asentar poboación en lugar de seguir perdéndoa”.
Por iso, recorda que o rexedor evitou solicitar as axudas para mellora das instalacións eléctricas “o cal demostra que só lle interesa o asfalto, a maquillaxe e non o desenvolvemento real do polígono e de Monforte”. “Estamos completamente seguros de que se as solicitara a Xunta as tería concedido polo que Tomé e o PSOE son os responsablea de que o municipio non medre economicamente”, sinalou.
“Nós temos claro que cando cheguemos á alcaldía de Monforte solicitaremos toda axuda posible, sexa da administración que sexa, porque o que queremos é que o municipio medre e asente poboación”, rematou.