Partido Popular de Lugo

Veciños do Burgo e o PP instan a PSOE e BNG a construír a variante da LU-P-2901, para garantir a seguridade no Camiño e na parroquia

No pleno de decembro de 2018 os tres grupos políticos que formaban esa corporación provincial (PP, PSOE e BNG) aprobaron por unanimidade que a Deputación Provincial de Lugo iniciase, de forma urxente, todas as accións necesarias para poñer en marcha o proxecto de ensanche e mellora da estrada provincial LU-P-2901 dende o P.K. 3,3 ata o 5,4.

O proxecto desta variante iniciouse no ano 2006, unha infraestrutura que melloraría os tempos de recorrido, incrementaría a seguridade viaria e melloraría tamén a calidade de vida dos seus veciños. “Todo o que axude a garantir a seguridade e mellorar calidade de vida dos  veciños sempre é benvido”, recordou.

Unha actuación “necesaria” e encamiñada a mellorar e garantir a seguridade nesta estrada, concretamente ao seu paso pola parroquia San Vicente de O Burgo (Concello de Lugo) un punto no que a diario comparten a vía os condutores e os centos de peregrinos que realizan o Camiño Primitivo.

Os deputados provinciais Antonio Ameijide, José Pardo e José María Fernández, acompañados da concelleira en Lugo Flor Rubinos, mantiveron onte unha xuntanza cos veciños desta parroquia, que lles explicaron os problemas diarios que sofren, xa que, segundo aseguran os propios veciños, “polo momento non pasou nada, pero non estamos libres de que suceda unha desgraza porque son moitos peregrinos e vehículos compartindo unha estrada duns 4 metros de ancho, aproximadamente”.

O escaso ancho da vía – a pesar de que a Deputación de Lugo ten acometido obras para a rehabilitación do firme en distintos puntos desta vía – xera situacións de risco para peóns e condutores. “Son necesarias actuacións que redunden na mellora da seguridade como, por exemplo, a habilitación dunha senda peonil á marxe da estrada pola que poidan transitar os peregrinos e demais peóns de forma que se separe o seu tránsito do tráfico rodado”, sinalou.

Son tan numerosas as situacións de perigo que Antonio Ameijide incide na necesidade de que a Deputación de Lugo dea cumprimento a ese acordo plenario construíndo unha variante da estrada provincial ao seu paso polo núcleo do Burgo, no termo municipal de Lugo, e habilitando unha senda peonil paralela á vía no tramo que coincide co Camiño Primitivo.

CARACTERÍSTICAS DA LU-P-2901

A estrada provincial LU-P-2901 percorre catro municipios da zona centro da provincia: Lugo, Friol, Guntín e Palas de Rei. Do seus 36,3 km, 14,6 km coinciden co trazado do Camiño Primitivo, nomeado Patrimonio da Humanidade no ano 2015.

Esta é unha vía moi transitada: conta con abundante tráfico rodado e tamén cun importante volume de tráfico peonil, na súa maioría, peregrinos que percorren o Camiño ao seu paso pola nosa provincia. A convivencia de vehículos e peóns nesta vía evidencia a necesidade de tomar as medidas de seguridade que sexan necesarias para garantir a seguridade de tódolos usuarios e usuarias.

Existe xa un pequeno tramo de senda separada da calzada que, pola súa utilidade, evidencia a necesidade de darlle continuidade para garantir a seguridade de peregrinos e peóns.

Con todo, hai un punto nesta estrada provincial ao seu paso polo núcleo do Burgo, no termo municipal de Lugo, que polas súas características require outro tipo de actuación. O Partido Popular, a través do Grupo Municipal Popular e do Grupo Provincial, ten demandado en varias ocasións que se constrúa unha variante desta estrada no Burgo que permita reducir o volume de tráfico rodado e peonil neste núcleo no que conviven na actualidade un intenso tráfico de vehículos de todo tipo -incluída maquinaria agrícola- e tránsito de persoas e, incluso, animais.