Dende o Grupo Municipal do PP de Barreiros denuncian que non foi ata onte, 17 de xuño, cando a alcaldesa deu orde de comezar coa limpeza e desbroce das estradas municipais co tractor novo “unha labor moi necesaria e que dende as filas populares levamos meses reclamando”.
O voceiro popular, José Manuel Gómez Puente, recorda que en todo o municipio a vexetación medrou sen control “sendo necesaria a súa limpeza dende hai moitas semanas” pero “o equipo de goberno decidiu mirar cara outro lado”. “Polo menos tentan lavar a imaxe do municipio ás portas da temporada de verán”, ironizou.
Neste senso, Gómez Puente recorda á rexedora a necesidade de manter este plan de limpeza e desbroce durante todo o ano, xa que “non se pode deixar o municipio abandonado e tentar lavar a cara en dúas semanas”.
O popular recorda que é necesario acometer de inmediato desbroces de vexetación, tanto nas beiras das estradas como nas zonas públicas destinadas ao paseo, xa que a imaxe que levan veciños e turistas, que algúns xa comezaron a chegar, “é dun total abandono e improvisación” sendo preciso tamén a renovación de numerosas sinais de tráfico, xa que moitas están deterioradas ou rotas.
José Manuel Gómez Puente insiste en que o desbroce non so contribúe a mellorar a imaxe do municipio, senón que axuda a “mellorar a seguridade viaria” garantindo a visibilidade en numerosos cruces e curvas, así como para ver sinais de tráfico que agora están cubertas pola maleza.
Aos populares resúltalles “curioso” está demora no inicio destes traballos a pesar de que o Concello de Barreiros ten dous tractores, un deles financiado pola Deputación.
Neste senso, Gómez Puente fai referencia á sinatura do convenio entre a Deputación e o Concello de Barreiros para a compra deste tractor. A que naquel momento era deputada de Medio Rural, Mónica Freire Rancaño, asegurou á sinatura do convenio que “a limpeza e o mantemento da rede viaria contribúe a mellorar a seguridade nos accesos e comunicacións entre os núcleos de poboación, unha das principais demandas das localidades da provincia. A calidade das comunicacións e dos servizos públicos que se ofrecen no rural son claves para a fixación da poboación e a dinamización económica, obxectivos prioritarios que nos marcamos desde a área de Medio Rural”.
“Queda claro que no Concello de Barreiros nin a alcaldesa nin o seu equipo de goberno se preocupan por garantir a seguridade viaria no municipio”, finalizou.