Vilalba, 14 de xuño de 2024. O PP de Vilalba censura que “PSOE e Vilalba Aberta aproban os pregos dun contrato de recollida do lixo moi caro que vai supoñer unha suba de impostos aos vilalbeses sen que redunde na mellora do servizo”. E, ademais, sinala que “o BNG coa súa abstención é cómplice”.
Os populares explican que “os pregos para o contrato do lixo que propón o goberno bipartito priorizan criterios económicos en lugar da calidade do servizo”, cando, “precisamente, é necesario melloralo en dous aspectos importantes: a ampliación da limpeza viaria e o incremento da frecuencia para a recollida no rural”. É dicir, “con esta proposta non se daría solución ás deficiencias coas que conta agora mesmo este servizo”.
O único cambio que aportaría este contrato será o de gastar o triplo do que viña dirixindo o Concello a este servizo porque se pasará dos 600.000 € aos 1,5M€ no 2025 e ata os 2M€ no 2035. “Isto suporá problemas a longo prazo”, advirten.
Dende o PP local explican que “levamos máis de 4 anos reclamando que o goberno municipal saque a concurso público o contrato para a recollida do lixo” porque “é moi necesario”. Aínda así, “non imos apoiar calquera proposta” e, neste caso, “non recolle melloras e tememos que o que supoña sexa unha subida de taxas aos vilalbeses e vilalbesas. Así non”, sentencian.
Despois de analizar os pregos, os concelleiros populares subliñan que “non hai nada máis perigoso que un contrato que non defina claramente o servizo que quere contratar o Concello. E este é un contrato aberto que deixa todo a criterio da empresa, sen marcar uns mínimos”. Deste xeito, o servizo quedará “nas mans do que a empresa que resulte adxudicataria queira facer”, conclúen.