Partido Popular de Lugo

Ameijide: “Tomé ten moito que agochar nos parques comarcais de bombeiros e por iso nos prohibe a entrada no parque comarcal de Monforte”

Venres 14 de xuño de 2024. Os deputados populares preguntan a José Tomé “que ten que agochar” nos parques comarcais de bombeiros ao “prohibir a entrada» no parque comarcal de Monforte: “segue sendo un aprendiz de ditador que pensa que pode facer o que queira na Deputación”.

Así se expresaba o voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, tras ver como os bombeiros deste posto lle indicaban a el e ao deputado Luis Fernández a prohibición de acceso “por orde directa da presidencia”.

Antonio Ameijide critica “a falta de transparencia e autoritarismo” de José Tomé, do PSOE e do BNG: “que teñen que agochar para negar a entrada a unha propiedade provincial?”. Unha decisión que choca frontalmente coa resolución da Valedora do Pobo, de 15 de marzo de 2024, na que indicaba que “non era necesario que os deputados populares solicitasen permiso para entrar nunha propiedade provincial”.

Os populares lamentan esta decisión de PSOE e BNG e afirman que “probablemente se deba a que está nas mesmas ou peores condicións” que o parque de Barreiros.

A realidade é que no parque comarcal de Monforte tamén hai goteiras nas cocheras e Antonio Ameijide recorda que o arranxo do tellado saíu a licitación hai tres anos e aínda non se fixo nada, nun claro exemplo “da falta de preocupación e traballo” por parte da presidencia e xerencia do consorcio.

Ademais, o persoal deste parque tamén reclama máis medios materiais e equipos de traballo xa que no caso de ter que realizar varias intervencións nun mesmo día non teñen medios para mudarse de roupa e poder traballar en condicións aceptables: “se rompen unhas botas non teñen recambio e teñen que agardar un mes a que lles dean unhas novas”.

Pese a esta prohibición de entrada por parte de José Tomé, Antonio Ameijide é claro e rotundo: “mantemos a nosa intención de visitar todos os parques comarcais de bombeiros da provincia, polo que tamén iremos aos de Viveiro, Vilalba, Sarria e Chantada”.