Partido Popular de Lugo

O PP traslada á Policía Nacional e á Garda Civil na provincia o acordo no Senado para recoñecer o risco da profesión e recolle as súas demandas para que todos os efectivos se beneficien á hora da xubilación

A presidenta do PP lucense, Elena Candia, e os senadores pola provincia José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano analizaron con representantes na provincia de sindicatos da Policía Nacional e asociacións da Garda Civil a Proposición de Lei aprobada este mércores no Senado -co voto en contra do PSOE e a abstención do BNG- que recoñece a estas, xunto á dos funcionarios de Vixilancia Aduaneira, como profesión de risco e propón aplicar un coeficiente redutor na idade de xubilación por perigosidade a estes profesionais.

Elena Candia subliñou o compromiso do PP de Lugo de “coidar aos que nos coidan” e avanzou a vontade da formación popular por continuar escoitando as demandas do colectivo para mellorar as súas condicións laborais porque redunda “na atención cidadá”.

“Recoñecer o risco da súa profesión é de sentido común”, segundo subliñaron os populares “igual que teñen recoñecida a perigosidade outros corpos coma o da Policía local ou autonómica”. Así, coincidiron en “reivindicar as mesmas condicións”.

Concretamente, a iniciativa aprobada diríxese a modificar o Real Decreto Lexislativo 8/2015, de 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Ley General de la Seguridad Social de forma que se engade unha nova disposición adicional cos coeficientes redutores da idade de xubilación dos membros destes Corpos de seguridade.

Os senadores explicaron que a iniciativa do Grupo Popular na Cámara Alta pretende “atender a reivindicación de distintos colectivos dos membros dos Corpos de Policía Nacional e da Garda Civil”. Nese mesmo sentido, comprometéronse a traballar para beneficiar a totalidade dos efectivos, con independencia de que estean no réxime da Seguridade Social coma en clases pasivas. E á vista da súa “transcendencia”, os populares lucenses piden axilizar o procedemento de tramitación da lei que agora debe ir ao Congreso.