O voceiro do PP na Pobra do Brollón, Teddy López, pide unha solución para a estrada provincial LU-P-4710, unha vía moi estreita na que non se cruzan dous vehículos e na que urxe tomar medidas xa que “nestas semanas hai un importante tráfico de camións e é moi perigosa xa que hai moitas curvas con moi pouca visibilidade”.
Teddy López alerta desta situación e explica que son moitos os veciños da Pobra do Brollón que están moi preocupados porque “circular por esta estrada é perigoso”. “Hai varias curvas na que a visibilidade é nula e, de súpeto, atópaste cun camión cargado de mercancía e non hai escapatoria posible”, sinalou.
O voceiro popular na Pobra do Brollón explica que esta estrada é moi estreita en moitos puntos nos que é imposible que se crucen dous vehículo ao mesmo tempo, “unha situación que cómpre mellorar porque non hai ningún punto no que apartarse para facilitar a circulación e o paso de dous coches simultaneamente”.
Neste senso, o popular pide ao alcalde que esixa á Deputación que tome as medidas necesarias para garantir a seguridade nesta estrada provincial, “medidas que deberían de comezar, como mínimo, polo desbroce da vexetación para axudar a mellorar a visibilidade”.
Teddy López recorda que “como dixemos hai uns días, non estamos en contra de que a Deputación realice investimentos no noso municipio, pero as cousas hai que facelas con cabeza e, seguramente, é moito máis importante garantir a seguridade nas estradas provinciais para que os veciños da Pobra do Brollón poidan circular tranquilamente por elas”.