Samos, 7 de xuño de 2024. O voceiro do PP de Samos, Miguel Gallego, amosa a súa sorpresa polas palabras da alcaldesa do BNG no pleno deste venres; xa que “asegurou que non sabía nada dos problemas que están tendo o SAF, para o que ten unha concelleira específica,” cando “dende o Grupo do Partido Popular temos advertido en varias ocasións publicamente das queixas que nos trasladan os usuarios e usuarias sobre a non cobertura dos días de libre disposición ou das baixas das traballadoras”.
Á vista de que “os usuarios quedan sen o servizo neses días e a alcaldesa di que os días que non se cobren tampouco teñen porque pagalos, instamos aos usuarios a reclamar a devolución dos cartos”.
Miguel Gallego indica que “o Servizo de Axuda no Fogar que está prestando o actual equipo de goberno do Concello é tan precario que tivo que pagar unha multa de 2.400 euros por incumprir a ratio do traballador social”; un problema que “a alcaldesa recoñeceu que aínda están en proceso de solventarse”.
“Tamén está sen solucionar a aportación dos equipos de traballo aos traballadores municipais que antes aportaba o Concello”, engade o popular.
Respecto ás preguntas sobre as obras que quedaron proxectadas do anterior goberno nas aldeas de Portela, Aián, Lampazas ou San Isidro “a reposta segue sendo a de sempre: que está en proceso de estudo”. Os populares coinciden cos veciños en que “xa é tempo de telo estudado e poñerse a traballar”.
NON ÁS SÚAS PROPIAS PROMESAS E A OFRECER SERVIZOS
A proposta do PP relativa a traída e saneamento da aldea de Lamartín, Vilaceite e Lourido pequeno, que a propia rexedora do BNG prometera en campaña, foi rexeitada co voto en contra do BNG e PSOE. Gallego critica que “agora cambie de opinión e diga que as aldeas teñen auga suficiente e non necesitan máis”.
E a outra iniciativa dos populares sobre o asfaltado do acceso a Lulle foi tamén rexeitada malia que a empregan moitos veciños e, incluso, dá acceso a unha explotación gandeira de gran tamaño.