Partido Popular de Lugo

O PP de Burela advirte que “o bipartito insiste en apropiarse de terreos da comunidade de montes veciñais, a pesar de que outros órganos lles din que non son do Concello”

Burela, 7 de xuño de 2024. Os concelleiros do PP de Burela condenan novamente “a xestión municipal por parte do bipartito PSOE-BNG” á vista de que no último pleno “insistiron en querer apropiarse duns terreos que pertencen á comunidade de montes veciñais ao querer incluílos no inventario de bens municipais, a pesar de que órganos e organismos independentes coma o Rexistro da Propiedade e o Catastro lles din que non son do Concello”.

Os populares tamén advirten que “a alcaldesa pretende colar nunha ordenanza municipal unha cláusula transitoria ao final que lle confire plenos poderes para para poder aceptar ou rexeitar, segundo lle conveña, a documentación que aporten os veciños e veciñas nas súas tramitacións administrativas, xa sexan electrónicas ou non”. É dicir, “non lle outorga garantía ningunha aos cidadáns”.

Ademais, “o bipartito demostra a súa vagancia á hora de tramitar expedientes e por iso vémonos abocados a unha nova prórroga do contrato do servizo de recollida do lixo cando vén se podía sacar a concurso público se fixeran os deberes a tempo e tivesen preparado a documentación”. De feito, “o xusto sería ter sacado o servizo a licitación, xa que a empresa actual non amosou inicialmente ningún interese solicitando ningunha renovación”.