Partido Popular de Lugo

Os populares subliñan que “o BNG en Europa é amigo dos inimigos dos pescadores e o PSOE, dos inimigos dos gandeiros”

Ribadeo, 5 de xuño de 2024. “O BNG en Europa é amigo dos inimigos dos pescadores e o PSOE dos inimigos dos gandeiros galegos”, segundo subliñou o candidato ás europeas Adrián Vázquez nun mitin en Ribadeo no que tamén tomaron a palabra a presidenta do PP na provincia, Elena Candia, e o alcalde popular, Daniel Vega.

“O BNG é aliado dos verdes en Europa, que prohibiron a pesca do arrastre”, explicou. E, en relación ao PSOE, sinalou que “votou a favor dunha lei que reduce un 10% o terreo cultivable e en contra de modificar o status de protección do lobo”.

Vázquez fixo referencia a Ribadeo como exemplo do “potencial turístico de Galicia como punta de lanza da nosa cultura, economía e, consecuentemente, favorecendo o asentamento da poboación”. Así mesmo, aproveitou a ocasión para recordar a vitoria electoral do PP nas municipais do ano pasado: “o goberno de Ribadeo é un exemplo de boa xestión e o Partido Popular representa a política que funciona e por iso queremos levar este modelo a Europa”.

Elena Candia tamén pediu o voto para a candidatura popular este domingo 9 de xuño porque “somos a formación que máis nos parecemos aos lucenses, o Partido Popular está do lado dos pescadores e gandeiros, coñecemos a realidade do noso territorio e dos nosos autónomos e pequenas e medianas empresas e defendemos nos distintas institucións onde temos representación os intereses de Lugo e os lucenses”.

A popular subliñou que “o Partido Popular propón medidas de sentido común que poñen no centro ás persoas”, dixo. As liñas principais do programa do PP céntranse en defender os nosos dereitos e a igualdade de oportunidades, paliar o reto demográfico, facilitar a vida das familias, a conciliación, o acceso á vivenda e ao primeiro emprego, a mobilidade e favorecer a competitividade promovendo o crecemento sen cargas adicionais, entre outras.

En relación a isto último, Candia subliñou a aposta do PP para favorecer a competitividade das nosas industrias e a procura dunha enerxía limpa a barata “que permita ás empresas dispoñer de enerxía a prezos accesibles”.

A popular incidiu en que “esta é a nosa proposta, a de apoiar o tecido produtivo para manter os postos de traballo na comarca e na provincia. Todo o contrario do que fai o Goberno de Sánchez”, remarcou poñendo como exemplo a situación de Alcoa.

“Os traballadores da planta de San Cibrao continúan nunha situación de incerteza” mentres o Executivo central continúa sen promover os instrumentos públicos de apoio para a factoría, a pesar de ser a única de produción de aluminio primario de España e declarada esencial durante a pandemia”, dixo.

Candia sinalou que “o Goberno central non aclarou se estaría disposto a intervir de forma temporal e instrumental ata atopar un comprador solvente”. E “nada sabemos tampouco dun estatuto electrointensivo verdadeiramente eficaz, nin sobre a axilización dos parques eólicos e dos contratos de electricidade a longo prazo (PPAs) que abaratan o prezo da luz nin de esgotar as compensacións por CO2 ata o máximo que permite a Unión Europea”, indicou.

EUROPA: FONTE DE FINANCIAMENTO E ESTRATEXIA CULTURAL

Daniel Vega, pola súa banda, subliñou a “incidencia directa de Europa en todas as localidades e Concellos. Europa pode parecer que está lonxe, pero sentímola cerca”, asegurou.

O rexedor popular tivo presente unha dobre vertente: a administrativa e a cultural. “Moitas das axudas para acometer obras de mellora de infraestruturas públicas, actuacións no ámbito cultural ou da política social proveñen de fondos europeos”. É dicir, “beneficiámonos do financiamento europeo. Pero non debemos esquecer que Europa é tamén unha estratexia común de tódolos países”, dixo.

Vega tamén convidou aos veciños e veciñas de Ribadeo a achegarse a votar o vindeiro domingo 9 de xuño.