Partido Popular de Lugo

O PP lucense aposta pola mellora das conexións da provincia e medidas que permitan ofrecer vivenda a prezos accesible

Lugo, 5 de xuño de 2024. O PP lucense aposta pola mellora das conexións dentro da provincia, a rehabilitación, a construción de vivendas sociais e a colaboración público-privada para ofrecer vivenda a prezos accesibles fronte ás “dificultades” en materia de infraestruturas e vivenda derivadas dos gobernos de PSOE e BNG. Así o subliñou Elena Candia en alusión ao “abandono das infraestruturas viarias e ferroviarias por parte do goberno de Pedro Sánchez e a paralización das licencias urbanísticas por parte do goberno municipal que preside Paula Alvarellos”.

A presidenta provincial e portavoz popular no Concello de Lugo participou nun encontro organizado polo coordinador de Infraestruturas do PPdeG e concelleiro no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, xunto á responsable autonómica de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e ao que asistiron representantes de distintos colectivos empresariais como a CEL, APEC, Federación Galega de Comercio… ademais de empresarios e profesionais do ámbito das infraestruturas para analizar a situación da provincia en materia de comunicacións e vivenda e o impacto das europeas neste sector.

Antonio Ameijide incide en que “é difícil chegar a Lugo porque queda descolgado da alta velocidade, as estradas nacionais continúan en mal estado, a autovía A-6 sen recuperar a normalidade, a autovía a Santiago sen rematar e a de Ourense paralizada. Ademais, dispáranse os prezos dos alugueiros porque non hai vivenda dispoñible e as dificultades para construír tamén lastra o emprendemento e a creación de emprego”.

MEDIDAS DO GOBERNO GALEGO

Martínez Allegue subliñou que “os cidadáns teñen que estar no centro da acción política” e que “os investimentos se deben dirixir a atender as necesidades dos nosos veciños”. Tendo en conta que “o dereito á vivenda é unha das súas preocupacións, o Goberno galego fíxase esta como unha das súas metas”.

Actualmente, están en proceso de licitación os contratos para redactar os proxectos e para a dirección de obra da construción de 146 vivendas na cidade de Lugo.

Pero, ademais do compromiso do Goberno galego coa promoción de vivenda pública para atender a demanda na cidade de Lugo; tamén refrendou a aposta polas comunicacións na provincia -como demostran os avances no desdobramento do corredor Nadela-Sarria co inicio do trámite de información pública e avaliación ambiental que anunciaba hoxe o presidente Rueda-. Ademais, a Xunta inviste preto de 13M€ na intermodal e o seu aparcamento subterráneo duplicando a aportación que lle correspondería polas competencias autonómicas e

PROPOSTAS DO PP DENDE EUROPA

O Partido Popular propón, entre outras, medidas para paliar o reto demográfico, facilitar a vida das familias, favorecer aos mozos e mozas, facilitar acceso á vivenda, etc.

Algunhas delas son a ampliación da dotación financeira para a Iniciativa Europea para a Vivenda Asequible, que o Banco Europeo de Inversións avale ata o 95% os préstamos a mozos menores de 35 anos para a adquisición da primeira vivenda, unha exención do IVA á construción de vivendas sociais ou a revisión do marco regulamentario para identificar o que ralentiza de forma inxustificada a construción ou rehabilitación de vivenda en Europa.