Partido Popular de Lugo

O PP esixe á Deputación e Concello que tamén asinen convenios para acadar o arranxo das “intransitables” estradas provinciais na Pobra do Brollón

A Pobra do Brollón, 5 de xuño de 2024. O voceiro do PP na Pobra do Brollón, Teddy López, afirma que “son benvidos” os cartos que destina a Deputación para a compra dun vehículo todoterreo para o concello pero que “era moito mellor que destinasen fondos para arranxar as estradas provinciais na Pobra”.

Teddy López recorda que as estradas da Deputación na Pobra do Brollón “son as que peor estado de mantemento” teñen en toda a provincia “con fochancas nas que caben coches enteiros”. “Non hai moito que denunciamos esa situación e nin José Tomé nin o alcalde se preocuparon por corrixir esta situación que nos pon en perigo a todos os veciños da Pobra do Brollón cando circulamos por elas”, denunciou.

Ademais, o voceiro popular aconsella a José Luis Maceda “que deixe as mentiras a un lado” porque o voceiro provincial popular non realizou esas afirmacións que di o alcalde. Neste senso, Teddy López recorda que o convenio asinado entre a Deputación de Lugo e o Concello da Pobra do Brollón establece que ese vehículo todoterreo será para “atención das zonas rurais”. “Antonio Ameijide cinguiuse á literalidade do que pon no convenio, polo que estamos ante un novo exemplo de que o alcalde escúdase na mentira para tapar a súa falta de xestión”, sentenciou.